Este ano 2013 ao que lle faltan poucas horas para rematar foi o Ano Rosalía ao coincidir co 150 aniversario da edición de Cantares gallegos. Miles de persoas colaboraron ao longo dos meses nas actividades programadas para a efeméride como a presentación onte dun libro que se suma aldisco de Acadacanto en honor á autora galega.

O libro dado a coñecer onte no Consello da Cultura Galega leva por título Cantares para Rosalía e incorpora un cedé. Nel, nove poetas galegas -entre as que se encontran María Xosé Queizán, Luz Pozo, Estíbaliz Espinosa, Ana Romaní ou Lupe Gómez- "dialogan" coa autora de Follas novas. Na presentación en Santiago, a profesora Dolores Vilavedra indicou que esta obra "está a ser solicitada como material de estudo por universidades europeas e norteamericanas". Vilavedra, xunto a María do Cebreiro, coordinou a publicación.

Pola súa banda, o disco de Acadacanto -integrado por Guadi Galego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero- titúlase A rosa d'Adina. Este supón unha homenaxe a Rosalía seleccionando seis poemas da escritora evocando os lugares onde esta se inspirou para a súa obra: Pazo de Arretén, igrexa de Bastavales, San Domingos de Bonaval, o Santuario da Barca, as fontes de Ortoño ou os ríos de Laíño.

O poema escollido para abrir o disco é Dende a Limia, un canto a un amor deixado atrás por un mozo emigrado. Os seguintes son Levoume o río, Tecín, Este meu camiño, Onde pousei a infancia e Aló.

Pola súa banda, o Consello da Cultura Galega e a Fundación Rosalía cualificaron o ano en honor á autora como "frutífero" polos novos enfoques sobre a súa obra e vida. A maior parte destes ofrecéronse no congreso internacional organizado por estas entidades e outras.

A vicepresidenta do Consello, Rosario Álvarez, negou que o ano rosaliano fose litúrxico. "Abriuse á participación cidadá cunha explosión de actos por toda Galicia. Houbo unha gran festa de eruditos e non eruditos", indicou.

" Nos últimos anos -indicou Álvarez-, avanzouse moito non coñecemento biográfico e na personalidade de Rosalía sen ser analizada con prexuízos, tendo en conta ás súas relacións personais e ou seu carácter".

A vicepresidenta do Consello da Cultura Galega indicou, ademáis, que Rosalía de Castro era unha muller "moi avanzada" para o seu tempo, inmersa nas correntes filosóficas e literarias da súa época.

Se reciben un email cun poema de Rosalía bótense a tremar. O asasino Adriano anda ceibe. Vive no libro A memoria da choiva, de Pedro Feijoo, que tomou a celebración do Ano de Rosalía para vertebrar un thriller de ficción no que se contan moitas verdades sobre o mito da patria e os seus satélites.

-A obra transcorre na celebración dos 150 anos de Cantares Gallegos, e critica por boca dalgúns personaxes unha liturxia na celebración.

-Aproveitei o libro para queixarme. Tiña a sensación de que a cousa ía quedar no mundiño de sempre. Eu quería levar ese tema á rúa aproveitando que teño lectores.

-Este ano intentouse rachar co estereotipo de Rosalía.

-Inculcáronnos o tópico da Rosalía chorona e baixo ese tópico hai unha muller máis moderna. En xeral, a percepción que se ten dela é moi parcial e manipulada.

-O libro brinca entre a realidade e a ficción como cando fala de que a última filla de Rosalía, Gala, foi manipulada.

-Oxalá iso fora ficción. A cuestión é real. Os réximes de poder aprópianse dos símbolos do pobo. O goberno de Franco apropiouse da filla de Rosalía que era levada para riba e para baixo sen saber moi ben que pintaba en cada lugar.

-Dá a impresión que plasmou a carraxe dalgunhas persoas pola instrumentalización de Rosalía.

-Eu son un pouco marciano neste sistema. Pretendía dar a miña visión. Esa é a furia que mostra Adriano. Despois de realizar a investigación sobre esta manipulación de Gala e de Rosalía dábame moita rabia todo o proceso e que se ve na furia do coitelo de Adriano.

-Tamén recolle as desaveniencias ficticias na Fundación Rosalía ou na Real Academia Galega (RAG)... cheas de "bandos". Pero de realidade tamén hai algo: a liorta deste ano na RAG.

-Rebéntame que pase iso nuns órganos que non deberían ser para iso. As liortas na Real Academia Galega serviron para facer valer os intereses económicos e de poder dos editores cando en realidade a RAG debería estar para o uso do pobo. Que usen ferramentas do pobo para o seu interés amólame moito. De seguro que me van empezar a caer paos.

-Xa empezaron as represalias polo contido do libro?

-O libro inda está no aire. Unha vez pase a euforia do turrón, xa empezarán a vir.