Manuel González destacou as vantaxes de todo tipo (a nivel económico, de autoestima, tecnolóxico, etc.) que o .gal aportará á sociedade galega. Así, o presidente da Asociación PuntoGal salientou que o novo identificador fará máis accesíbeis as páxinas web en galego, aumentando o seu tráfico e favorecendo o comercio electrónico e o desenvolvemento de novas ferramentas na Rede para o idioma.

No seu discurso de presentación, o voceiro indicou que "o .gal servirá para que os internautas atopen máis rápido e eficazmente información relacionada co galego ou coa cultura galega. Os grandes buscadores de internet poderán ordenar e clasificar os contidos en galego dun xeito máis eficaz de como o facían ata agora".

"Este dominio vai xerar beneficio económico para Galicia. Unha parte importante da recadación polo uso de cada dominio .gal quedará en Galicia, en vez de migrar ao exterior. Todos os beneficios que xere a súa xestión serán dedicados ao fomento da presenza do galego na Rede e nas novas tecnoloxías. A utilización do .gal vai ser un elemento de visibilidade para os produtores, empresarios e comerciantes de produtos en que a identificación con Galicia supoña un plus de calidade, e facilitará a súa implantación e expansión no mercado", resaltou.

Logo dun longo período de xestación, o dominio .gal xa é unha realidade en Galicia. A páxina www.dominio.gal, a primeira web baixo o dominio de internet de Galicia, foi activada na véspera do Día das Letras Galegas e do Día Mundial de Internet. A posta de largo foi definida polos promotores da iniciativa como "un éxito colectivo da sociedade galega", aínda que os portais pioneiros do dominio .gal comezarán a funcionar o vindeiro 25 de xullo.

"E un fito histórico, izamos a bandeira de Galicia na Rede", proclamou o presidente, Alberto Núñez Feijóo, encargado de premer a tecla para activar a web nun acto no que tamén interviñeron o catedrático da USC Xosé Antonio Gómez Segade, e o presidente da Asociación PuntoGal, Manuel González, quen deu as grazas a todos os que contribuíron a esta aposta en internet.

A Asociación está formada por 114 entidades de todos os sectores, incluídas as principais organizacións culturais galegas e ducias de asociacións culturais de base. González destacou a implicación dos anteriores responsables autonómicos e do actual Goberno, antes de subliñar que en sete anos de traballo se logrou que máis de 12.000 persoas "apoiasen" esta iniciativa "integradora e democrática".

Este "apoio" -reivindicou- resultou "fundamental" para que a Internet Corporation for Assigned Names and Numbers (Icann) aprobase a candidatura en 2013 e delegase o dominio esta primavera. Unha vez logrado, González proclamou que, cun dominio propio, os galegos serán "máis respectados no mundo". "Repercutirá na súa autoestima", sinalou.

Feijóo celebrou os posibles efectos económicos da iniciativa sobre a economía galega e agregou que será na comunidade onde "se deseñe e aplique a política de comercialización, de mercadotecnia ou de comunicación, o que sitúa á comunidade nunha boa posición para participar na expansión desta industria". En canto ás vantaxes para emprendedores, sinalou que .gal facilita que se poidan valer dunha marca "única e propia" para destacar a súa proximidade física e cultural ao cliente galego. Tamén permite asociar produtos galegos cos "valores positivos" que xa ten a Marca Galicia, ao dispoñer dunha etiqueta útil para mellorar a súa facturación en liña; e posibilita aumentar o tráfico das páxinas en galego e, polo tanto, os seus ingresos publicitados.

Á marxe de beneficios económicos, o presidente incidiu en que o novo dominio dota á lingua e á cultura da comunidade "dun selo propio na Rede" e convértese no "mellor salvoconduto para que Galicia atravese fronteiras e se faga visible en todo o mundo". "Actos coma este explican porque no cemiterio dos pobos e das culturas non está Galicia", argumentou. "Co arranque da primeira páxina con apelido galego, con dominio .gal, izamos a bandeira de Galicia na Rede e demostramos que o pobo galego sempre está disposto a sumar cando se trata de abrirnos e de abrirnos ao futuro", resolveu Feijóo.

Pola súa banda, Xosé Antonio Gómez Segade explicou o funcionamento do sistema de nome de dominios e destacou a importancia simbólica do identificador pois "o dominio .gal é o barco polo que a lingua e a cultura galegas van navegar polo ciberespazo". Os prazos e requisitos que rexen o lanzamento do .gal, estrutúranse en tres fases. Na primeira, baixo o lema de Programa Pioneiros, abrirase o prazo para solicitudes o 1 de xuño, que se prolongará todo o mes. A asociación seleccionará ata un máximo de "nomes pioneiros" baseándose en criterios de "visibilidade e notoriedade". Neles buscarase que estea representado o amplo espectro da sociedade galega, é dicir, administracións públicas, empresas e outro tipo de entidades. Estas direccións de pioneiros entrarán en funcionamento na rede o 25 de xullo, con motivo da celebración do Día de Galicia.