A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de distinguir a oito centros das catro provincias galegas co Premio Proxecta de Innovación Educativa 2016, un recoñecemento que busca consolidar e visibilizar a metodoloxía de traballo por proxectos que poñen en marcha os centros públicos participantes nos distintos programas do Plan Proxecta. A esta primeira convocatoria presentáronse 49 centros: 15 da Coruña, cinco de Lugo, tres de Ourense e 26 de Pontevedra.

Para as dúas categorías premiadas establecéronse catro premios -un primeiro, un segundo e dous terceiros-, e tamén se concederon dous accésit. O primeiro premio ten unha dotación de 6.000 euros, o segundo de 4.000 e os dous terceiros, de 2.000 cada un, o que supón unha inversión total de 28.000 euros por parte da Consellería. Na categoría A, o primeiro premio foi para o CEIP de Arzúa, o segundo recaeu no CEIP Plurilingüe Nº1 de Tui e os dous terceiros para o CEIP Plurilingüe de Frións de Ribeira e para o CEIP Plurilingüe San Marcos de Abegondo. Ademais, tamén se concederon dous accésit para o CEIP Barrié de la Maza de Santa Comba e para o CEIP de Rubiáns de Vilagarcía de Arousa. Na modalidade B, o IES Francisco Daviña Rey de Monforte conseguiu o primeiro premio e o segundo foi para o CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis. O IES Manuel Chamoso Lamas do Carballiño e o IES Plurilingüe Fontexería de Muros levaron os dous terceiros. Os accésit foron para o CPI de San Vicente de A Baña e para o IES de Meaño.