A Gala contra o cancro da Panorama celebrou este ano a súa novena edición, reunindo no escenario unha ducia de artistas nacionais e internacionais. A Televisión de Galicia (TVG) emite hoxe este evento que se celebrou en León e que, por primeira vez, se organizou fóra de Galicia.

Os espectadores da canle pública poderán ver actuacións como a do dúo colombiano Cali y el Dandee, parella de irmáns que leva conseguindo éxitos desde o seu ascenso meteórico aos primeiros postos das listas musicais. Ademais da súa faceta de cantante, Mauricio Dandee tamén destaca como produtor de afamadas estrelas latinas da canción, coma Luis Fonsi ou Pitbull.

Ao escenario subirán, así mesmo, os integrantes da banda bogotana Morat, cuxo tema Como te atreves vén de acadar o primeiro posto en iTunes e está converténdose nunha das cancións máis populares do verán. O artista español Juan Magan compartirá escenario co grupo colombiano e coa orquestra Panorama, para interpretar a canción Por fin te encontré. Ademais, o remesturador e produtor de Badalona tamén interpretará temas propios.

A Gala contra o cancro de Panorama tamén contará con dúas representantes de Eurovisión. Por unha banda, a polifacética cantante Edurne, unha das artistas españolas con máis repercusión mediática, e, pola outra, Soraya, amiga de Panorama, con quen a orquestra ten colaborado en innumerables ocasións.

O dúo xuvenil Gemeliers, a cantante lusa Katia Aveiro e o, xa habitual, Carlos Baute tamén acompañarán á orquestra galega na novena edición da gala. O evento celebrouse en beneficio da Asociación Española contra o Cancro e unha parte da recadación total será doada á súa causa.

Por outra banda, o conxunto histórico-artístico de Sargadelos, en Cervo, acollerá a primeira edición do festival Gadaélica, que se presenta como o primeiro encontro contemporáneo interdisciplinar de arte e cultura de vangarda que se celebra en Galicia e o único destas características na Península Ibérica. Contará con actuacións musicais como as de Organic Soup, Dj Son, Tom Rosell ou Fraktal Sun, e actividades tales como talleres de artesanía, pintura ou maxia. Alberto Casas, un dos organizadores do evento, estará en A Revista para falar do programa deste innovador formato, que se celebrará a finais de xullo.

Ademais, o programa da TVG estará en directo en Cambados, visitando a adega do pazo de Fefiñáns, unha das incluídas na Ruta do Viño das Rías Baixas. O conxunto de bodegas que integran este programa recibiron o pasado ano a máis de 88.500 persoas, o que supuxo un incremento do 75% con respecto a 2010.