A RAG edita o epistolario de Francisco Fernández del Riego e Otero Pedrayo

A obra, con prólogo de Alonso Montero, reúne 450 documentos que afondan na súa relación

Otero Pedrayo e Fernández del Riego

Otero Pedrayo e Fernández del Riego

A Real Academia Galega (RAG) edita Rexistros no vento. Epistolario de Francisco Fernández del Riego e Ramón Otero Pedrayo. A obra reúne máis de 450 documentos que permiten afondar na estreita relación entre dúas figuras fundamentais do galeguismo do século XX. O expresidente da RAG Xesús Alonso Montero, prologuista do libro, e a investigadora Patricia Arias Chachero, responsable da edición e das notas da correspondencia conservada na Fundación Penzol, presentárano onte no Liceo de Ourense, no marco do Abril Oteriano 2024 organizado pola Fundación Otero Pedrayo.

Na apertura do acto participou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, xunto ao presidente da fundación, Eduardo López Pereira, e o conselleiro de Cultura, José López Campos.

“Estou convencido de que estas páxinas constitúen, hoxe por hoxe, o epistolario oteariano máis relevante. Están presentes nese corpus todas as virtudes do autor no xénero epistolar, en moitas ocasións agrandadas polas características do destinatario, Francisco Fernández del Riego, quizais o colega intelectual e o irmán con quen mellor se entendeu don Ramón Otero Pedrayo despois do falecemento de Castelao”, valorou Xesús Alonso Montero no limiar do volume, que pode descargarse en versión dixital na sección de publicacións de academia.gal. “A relación, íntima e amical, que se reflicte nel supón un percorrido pola reorganización do galeguismo de posguerra”, engadiu Patricia Arias Chachero.

A meirande parte das cartas reunidas, 347, foron escritas por Ramón Otero Pedrayo (1888-1976) e as demais por Francisco Fernández del Riego (1913-2010), quen foi presidente da RAG e protagonista do Día das Letras Galegas 2023. “Teño a certeza de que Del Riego escribiu máis, bastantes máis, algunhas, sen dúbida, interceptadas no seu día pola policía e que, moi probablemente, desapareceron para sempre”, apuntou Alonso Montero.

Otero Pedrayo asina a primeira misiva dende Trasalba en agosto de 1934 e a derradeira escríbella Del Riego con data do 8 de outubro de 1975, seis meses antes do pasamento do seu amigo. Tras a guerra, a partir de 1944 a correspondencia será xa continua e a través dela é posible seguir en boa medida a situación da Real Academia Galega.