A Xunta participa en diversos foros a nivel nacional e europeo que teñen como finalidade dar a coñecer as súas peculiaridades demográficas e situar esta cuestión na axenda política nacional e europea. Deste xeito, no contexto español, o Goberno galego traballa en rede dende hai máis de dous anos coas comunidades de Asturias, Aragón, Castela-A Mancha, Estremadura e Castela e León a través do Foro de Rexións con Desafíos Demográficos (Fredd), que se uniron para solicitar un Pacto de Estado pola Demografía e trasladar esta problemática a Europa. En febreiro de 2016 sumáronse a este foro as comunidades de Cantabria e La Rioja. A nivel europeo a Xunta forma parte, da Rede europea de rexións afectadas polo cambio demográfico (DCRN), unha rede informal aberta formada na actualidade por 40 oficinas rexionais de toda Europa con base en Bruxelas interesadas nos impactos do cambio demográfico. Con motivo da consulta pública realizada sobre a Estratexia Europa 2020 a DCRN presentou ás institucións europeas un documento de recomendacións no que se instaba a incorporar á Estratexia as cuestións demográficas en toda a súa complexidade, abrindo o foco excesivamente centrado no campo do envellecemento para incorporar tamén outros desafíos demográficos.

A Administración autonómica tamén participa no Pacto sobre Cambio Demográfico, promovido pola rede temática AFE-INNOVET, sumándose ao obxectivo de promover a procura de solucións innovadoras para apoiar o envellecemento activo e saudable na UE. Ademais, participa nas reunións do grupo de traballo sobre O cambio demográfico e o envellecemento creado no marco da Macrorrexión de Rexións do Sudoeste Europeo, (Resoe), con representantes do norte e o centro de Portugal, Castela e León e Asturias e forma parte da Rede europea de servizos sociais (ESN: European Social Network) xunto con entidades de trinta países europeos coas que comparte experiencias para contribuír á prestación dunha política social eficaz.