O equipo do programa mariñeiro Ribeiras de Salitre que emite a Televisión de Galicia (TVG) desprázase hoxe ao norte da comunidade para compartir vida, experiencias e conversas cos máis experimentados homes do mar. Coñecido sobre todo por ser o enclave boniteiro máis importante de España, o porto de Burela ten tamén abundantes descargas doutras especies coma peixe espada e pincho. Tamén destaca a pesca de baixura con artes menores como cerco, a volanta e a nasa.

O espazo amosará hoxe singulares personaxes como Balbino Trelles, mariñeiro e gardián dun Barco-Museo que, atracado no peirao, amosa ao mundo a historia da pesca nestas costas lucenses. Pero a sorpresa de programa vai vir dada pola actuación do Mago Pi, un simpático home da zona que fai maxia cos peixes, compaxinando o seu traballo diario na pesca de baixura. Por suposto, ofreceralles varios dos seus números aos reporteiros do espazo da TVG.

Despois, o equipo de Ribeiras de Salitre, comandado por X.H. Rivadulla Corcón, estará no establecemento hostaleiro A Moncloa, onde emprazou a asociación de mariñeiros xubilados e xentes afíns para contar anécdotas da vida do mar. Alí degustarán uns bos bocados acompañados logo coa música do acordeón.