A Real Academia Galega (RAG) custodia desde onte as cartas escritas desde o cárcere de José Mejuto Bernárdez e Amador Domínguez Paz, ambos vítimas da represión franquista. Con estes epistolarios o Arquivo da institución "enriquécese de maneira notable precisamente nun capítulo que, sendo de moi especial interese, non está moi representado nos fondos documentais da Academia", salientou o presidente Xesús Alonso Montero.

Os 17 orixinais manuscritos de Amador Domínguez Pan (A Gándara, Cambre, 1916-A Coruña, 1949), agarrotado no cárcere coruñés, e outras catro cartas da súa familia relacionadas con el foron entregados polo seu curmán segundo Tomás Rodríguez Mosquera que, en representación da familia, estivo acompañado por Fernando Souto Suárez, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (A Coruña), e o historiador Bernardo Máiz. As de José Mejuto Bernárdez (Vigo, 1907-Pontevedra, 1937), que morreu fusilado, foron entregadas por Olivia Rodríguez, quen leu unha emotiva carta da súa neta, Ana Paula Mejuto, residente en Buenos Aires.

O historiador Bernardo Máiz foi o encargado de repasar a biografía de Amador Domínguez Pan, dispoñible nesta ligazón. Tras participar na resistencia á sublevación do 18 de xullo e saír do cárcere en 1943, integrouse posteriormente na guerrilla antifranquista, que abandonou en 1947. Coñecido na loita armada como Jaime Pimentel, foi capturado en agosto de 1948 en Carballo, na casa dun enlace, e xulgado e condenado a morte. Morreu agarrotado no cárcere da Coruña o 25 de xaneiro de 1949.

Boa parte das cartas doadas á RAG escribiunas desde a cadea en Ferrol entre 1942 e 1943 para a súa curmá Isabel Domínguez, residente en Villanueva de la Serena (Badaxoz). Outras dúas redactounas tras a súa detención en 1948, pouco antes do seu pasamento, e están dirixidas á súa sogra, á que chama nai. Entre os documentos doados figuran tamén outras cartas de familiares e fotografías do propio Amador e diversos parentes.

Segundo explicou Tomás García Rodríguez -cuxos avós tamén sufriron a represión franquista por agocharen a Amador-, con esta doazón a familia pretende evitar que as cartas acaben desaparecendo co paso dos anos e garantir que sexan preservadas "nun lugar no que estea ao alcance dos historiadores e a xente que queira lelas".

As 34 cartas de José Mejuto Bernárdez, fusilado en 1937, foron entregadas á Academia pola súa neta Ana Paula Mejuto, residente en Buenos Aires, o 27 de decembro de 2013, naquela ocasión como fotocopias pois nesas datas xa se estaba a preparar Cartas de un republicano condenado a muerte, volume editado por Alvarellos que recolle a correspondencia, e que foi prologado por Xesús Alonso Montero e Ana Paula Mejuto e presentado por Eduardo Galeano.

A edición do volume foi preparada pola profesora e académica correspondente Olivia Rodríguez, quen onte fixo entrega, en nome da familia, dos orixinais.