Os centros escolares galegos que participan na fase piloto do programa Piteas expuxeron a comezos de xuño os seus proxectos ao resto da comunidade educativa no marco da Feira de Proxectos Piteas. O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, destaca a importancia do modelo Piteas na medida en que, actuando na mellora da competencia profesional do profesorado e os progresos da resposta educativa ao alumnado tendo en conta as súas potencialidades, permite avanzar nun modelo educativo de calidade para todos. Piteas é un modelo experimental de formación para o desenvolvemento do talento do alumnado mediante o modelo SEM (Schoolwide Enrichment Model, ou de enriquecemento curricular) impulsado pola Fundación Barrié coa Consellería de Educación e coa Universidade de Santiago de Compostela. Está baseado na inclusión educativa e na atención á diversidade na que as tres institucións traballan para acadar un cambio metodolóxico que faga posible a detección e o fomento do talento do alumnado. A liña vertebral é o traballo por proxectos combinado con metodoloxías innovadoras como a aprendizaxe cooperativa ou a aprendizaxe-servizo.

O programa inclúe un plan de formación do profesorado, a implantación de proxectos nas aulas, a súa presentación e difusión e unha investigación da USC que inclúe a avaliación das competencias do alumnado. Atópase na fase de pilotaxe en Galicia conta coa implicación de preto de 200 docentes e 2.400 alumnos de oito centros escolares da comunidade.