07 de agosto de 2017
07.08.2017

O novo xornalismo galego

Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro presentan mañá na Feira do Libro da Coruña sendos libros de artigos "en homenaxe aos xornalistas democráticos, de Víctor Casas a Luís Pita"

07.08.2017 | 00:57
Portada do libro de X. M. Pereiro.

A editora da revista Luzes vén de publicar dous novos libros, Novos episodios galegos, de Manuel Rivas e Diario dun repunante, de Xosé Manuel Pereiro, que os autores presentarán mañá, martes 8, ás 21.00 h. na carpa da Federación de Libreiros de Galicia, nun acto denominado Luzes contra a extinción do xornalismo. Homenaxe aos periodistas democráticos, de Víctor Casas a Luís Pita.

Os libros de Rivas e Pereiro recompilan e actualizan medio cento artigos de cada respectivo autor, publicados na revista nos seus catro anos de existencia.

Dúas visión distintas, pero complementarias, sobre o que aconteceu nos últimos axitados tempos que vivimos, as dúas cargadas de humor, ironía e acidez.

'Diario dun repunante'

"Estes artigos de Xosé Manuel Pereiro lidos así, todos xuntos e seguidos veñen dar na reflexión da relación íntima que existe entre as ideas e a retranca. Para profundar sobre a esencia da retranca, ese elemento discursivo que vai moito máis aló da ironía e que vén dar no signo diferencial que di dos galegos que o somos, hai que botar man destes artigos", di Xabier Puente Docampo. "O camiño do particular anecdótico ao universal, o uso das citas ilustres coma o recurso de 'pasoulle coma aquel que...', son estratexias literarias que enchen os textos de físgoas polas que o lector chega á comprensión cabal. A ese 'xa che mo parecía a min' do lector satisfeito. En fin, que o día no que se inventou o mundo Xosé Manuel Pereiro estaba alí e agora, coma nesas historias de textos atopados no máis poeirento e escuro andel dun alfarrabista, damos nós co seu diario e iso sempre agacha un tesouro para o lector".

'Novos episodios galegos'

Estes artigos de Rivas son para Antón Patiño "a mellor radiografía da Galicia actual". "Son as crónicas irmandiñas de Manuel Rivas. Petróglifos senlleiros tatuados coas palabras da comunidade. Unha achega que abrangue 360 graos de ironía, saudade activa, vitalismo solidario,tenrura e compromiso social.T eñen moito sempre de manifesto libertario. Son vieiros inzados de esperanza e trazados coa fasquía provocadora dun contrapoder. O mellor antídoto fronte á inercia moral e pasividade conformista. Azos e insubmisión, humor rebelde, paixón polo seu país, imaxinación e intelixencia crítica á procura da cerna dos procesos sociais. A liberdade agroma na escrita de Manuel Rivas co devalo dunha espiral incesante", afirma Patiño.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Selectividad 2018 A Coruña

Aprobados Selectividad A Coruña 2018

Consulta aquí toda la información sobre las pruebas de acceso a la Universidad: notas de corte, resultados y noticias


GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia
 


ESPECIAL

PREMIOS OPINIÓN MÚSICA RAÍZ

Premios Opinión da Música de Raíz

Consulta aquí a información dos premios de música do noso diario


Enlaces recomendados: Premios Cine