O programa Pescadores de historias visita esta semana un porto cunha importante cantidade de xente traballando o oficio do marisqueo: Vilanova de Arousa. Na súa confraría están rexistradas 78 embarcacións, en que traballan 144 homes e mulleres que capturan principalmente, ameixa, navalla e longueirón. A patroa maior, María José Vales, comentará a importancia do marisqueo para esta Confraría.

O equipo do programa toparase tamén con Javier Rey, que explicará a forma correcta de manexar o raño para coller a ameixa, e navegará na lancha de Alberto Martínez e Manuel Piñeiro, que ás veces comparten embarcación para compartir gastos e acadar maior rendibilidade no traballo. No caso de Alberto, é mariscador desde antes de nacer, xa que a súa nai ía traballar estando embarazada.

Os espectadores tamén coñecerán as historias dun mergullador que vai á navalla e ao longueirón, un oficio ben distinto ao da ameixa: José María do Val, un pioneiro da captura deste marisco en Vilanova.

Os protagonistas do programa de hoxe reuniranse co presentador de Pescadores de historias, X.H. Rivadulla Corcón, no restaurante Faro da Lúa, onde Óscar Casaldarnos, que foi peixeiro antes que cociñeiro, preparará unha apetitosa pescada ao forno.