A Crtvg fai unha nova aposta pola ficción desta volta en coprodución con CTV, empresa especializada na creación e produción de contidos de entretemento e ficción para televisión. O sabor das margaridas é un thriller policial de seis episodios con localizacións exteriores en Abegondo, A Estrada, Vedra e Santiago, e nos estudios de CTV en Teo.

Dirixida por Miguel Conde (director de Seis irmás e Baixo sospeita), a serie está protagonizada polas actrices Nerea Barros -gañadora do Goya á mellor actriz revelación por A illa mínima e María Mera ( Dalia, a modista), e os actores Ricardo de Barreiro, coñecido polo seu extenso traballo en cine e recentemente en F ariña, e Tony Salgado destacado polas súas interpretacións en cine, teatro e televisión como na serie Pazo de Familia. Como debutantes na pequena pantalla participan no proxecto os talentosos Sara Sanz e Jimmy Núñez. A rodaxe finalizará o próximo 22 de xuño e a súa estrea na TVG está prevista para este outono.

A estética, a paisaxe e a evolución das personaxes serán os trazos distintivos da serie, en que os segredos e a sede de vinganza manterán ao espectador pegado á pantalla. Con O sabor das margaridas, a Crtvg e CTV dan un paso máis en canto a calidade técnica e artística coa vista posta no mercado internacional grazas aos seus estándares de calidade, temática e estética. É unha serie "evento" de seis capítulos e de final pechado seguindo as novas liñas e hábitos de consumo dos telespectadores.

Sinopse

Rosa Vargas, unha muller forte, con recursos e que arrastra un pasado traumático, é unha axente da policía xudicial da Garda Civil que chega a un pequena vila para investigar a desaparición dunha moza conflitiva e sen familia á que ninguén parece interesado en buscar. Nas súas pescudas contará coa colaboración de dous axentes locais cos que a relación non sempre será doada. O que parece un caso sinxelo vai complicarse e volverse máis escuro e perigoso cando a investigación da desaparición de Marta vai sacando á luz outros segredos, misterios, asasinatos, chantaxes, drogas, prostitución? que ata ese intre permaneceran ocultos na vila "onde nunca pasa nada".