Cos Pés na Terra, o espazo da Televisión de Galicia (TVG) dedicado a contar a historia daquelas persoas que deciden buscar no campo e a natureza o seu xeito de vida, traeralles tres novas historias aos espectadores da canle pública nesta entrega.

O programa tira hoxe do fío do enxeño de Marta, que foi quen de facer da la de ovella o abrigo do seu día a día. Con ela, os espectadores poderán refrescar os saberes dun labor milenario.

Ademais, Cos Pés na Terra percorrerá o camiño da horta ao prato na compaña de Xosé, un rapaz suxeito ás tradicións á hora de ter ben mantidos todos os que se achegan ao seu fogar/restaurante.

Finalmente, ao equipo do programa tocaralle emporcarse cos porcos celtas de Isabel e Antón, uns animais que lles axudaron a cambiar de vida a estes rapaces, por máis que houbese cousas que xa traían de serie. Por outra banda, Manuel Manquiña e o equipo de O Gato con Botas desprázanse hoxe ata Ourense para pasar o día coa filla dun dos artistas máis importantes da moda galega: Adriana Domínguez, que desde xullo de 2017 é a directora xeral de Adolfo Domínguez.

Para coñecela mellor, o programa da TVG percorrerá a casa onde se construíron as primeiras pedras do gran proxecto que é hoxe Adolfo Domínguez. Manquiña tamén coñecerá as novas liñas que van a seguir na marca e poderá conversar con ela da súa etapa como actriz nos Estados Unidos.

Ademais, hoxe comeza a ABAU en Galicia para máis de 12.000 estudantes, que durante tres días afrontan os exames que decidirán o seu futuro universitario. O programa A Revista seguirá en directo as probas desde Santiago, concretamente desde a Facultade de Dereito, onde falará con alumnos e profesores. A Revista estará durante toda a mañá pendente de como transcorren as probas, anteriormente coñecidas como selectividade.

Na segunda conexión en directo, o programa viaxará ata Vigo, onde se acaba de pór en marcha o primeiro furancho urbano do noso país. Este local ten a gran novidade na súa bebida, posto que, no canto de viño, nel véndese cervexa artesanal. Creado polo chef Javier Acosta, a comida tamén será chave neste novo proxecto.

No eido das entrevistas, A Revista comezará a falar do Arde Lucus, que comeza esta fin de semana. Para isto estarán no programa Cintia Folgueira, membro da Asociación Tir Na N'og, e Pedro Rois, da Asociación Caetra Lucensium. Ambos os dous contarán os diferentes xeitos de gozar da festa.

A música será coma sempre parte importante do programa, posto que estará no estudio Javier Turnes, o cantante da Bakin Blues Band.