15 de julio de 2018
15.07.2018

O programa 'Vaia Troula' participará esta noite nas Festas do Carme de Sada

O espazo que presenta Nieves Rodríguez estará tamén no Festival de Ortigueira e nos festexos da parroquia de Quembre, en Carral

15.07.2018 | 00:56
Nieves Rodríguez (segunda pola esquerda), coas reporteiras de ´Vaia Troula´.

O programa Vaia Troula encherá de ledicia esta noite os fogares dos espectadores da Televisión de Galicia (TVG). A presentadora Nieves Rodríguez irá ata Sada, onde celebran as Festas do Carme cunha espectacular procesión marítima en que os sentimentos están a flor de pel. Pola súa parte, a reporteira Belén Rivero acudirá ao Festival de Ortigueira, onde gozará da música tradicional escocesa e galega, e tamén dará unha volta polas rúas deste concello, que estes días son un fervedoiro de xente.

Mentres, Ariadna Leis estará en Muros, onde as divertidas e orixinais carrilanas da parroquia de Esteiro son as protagonistas da fin de semana. E Belén Vara será unha máis na enxebre Rapa das Bestas de Amil, no concello pontevedrés de Moraña. Ademais dos cabalos, neste lugar tamén haberá tempo para a música e unha gran cea campestre.

As cámaras de Vaia Troula estarán tamén presentes na Festa dos Callos do Carnés, en Vimianzo, na Batalla de Flores de Marín, na Feira Medieval de Noia e na celebración de San Cristovo de Enfesta, en Santiago de Compostela.

A Feira do Viño do Rosal, as festas da parroquia de Quembre, en Carral, e a gran sardiñada de Santa Isabel de Lieiro, en Cervo, completan o menú trouleiro do programa deste domingo. E para quen queira cantar e bailar, o programa tamén ofrecerá as actuacións dos mellores grupos e orquestras do momento.

'A Revista'

Por outra banda, a parroquia de Esteiro, na localidade coruñesa de Muros, celebra hoxe o XXXI Gran Premio de Carrilanas, unha festa de Interese Turístico de Galicia, que centrará a atención en directo do espazo A Revista Fin de Semana. Nos últimos anos, esta curiosa competición de vehículos sen motor, que serve para poñer a proba a imaxinación e o enxeño popular, foi incorporando outros atractivos, como o Festival das Carrilanas ou o Mercado de Artesanía. De volta no estudio de gravación, María Solar conversará con Miguel Cousillas, membro da organización do Circuíto Travesía Costa 2018, principal competición de Galicia en augas abertas, unha modalidade de natación que cada vez ten máis adeptos.

Ademais, en pleno verán, o programa da TVG recibirá a visita de profesionais que darán consellos para que o momento do baño e de tomar o sol non acabe converténdose nun pesadelo. En primeiro lugar, a dermatóloga Sandra Mateo exporá as precaucións que hai que tomar co astro rei para non queimarse; cando, como e en que medida hai que aplicar as cremas solares e as horas que se deben evitar. Pola súa parte, a presidenta da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia, Nuria Rodríguez, explicará como é a formación destes efectivos.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

ESPECIAL

PREMIOS OPINIÓN MÚSICA RAÍZ

Premios Opinión da Música de Raíz

Consulta aquí a información dos premios de música do noso diario


Neomotor

Toda la información sobre el mundo del motor

Conoce las últimas tendencias y las novedades en coches, motos y la industria automovilística.