A artista escocesa medrou en North Uist, unha illa das Hébridas, na que a poboación fala maioritariamente o gaélico escocés. Ese é o idioma no que adoita desenvolver Julie Fowlis a súa carreira musical, unha intérprete que ocupa un lugar sobranceiro dentro da música de raíz do seu país.

Fóra do circuíto deste tipo de estilo musical a algunha xente pode soarlle o seu nome porque cantou dous temas para a banda sonora do filme Brave (Indomable),a fita de Pixar estreada en 2012 que se desenvolve na Escocia medieval e na que unha princesa nova rompe estereotipos mentres amosa as súas habelencias como arqueira. Os temas interpretados por Fowlis foron Touch The Sky e Into the open Air.

A cantante debutou discograficamente no ano 2005 e no seu último traballo, titulado Alterum, o sexto álbum da súa andaina, atopamos unha gran sorpresa ao escoitar á cantante interpretar en galego o tema Camariñas. "Encántame esa canción. Escoiteina por primeira vez hai uns dez anos cando estaba a traballar nun proxecto, chamado Facing the Atlantic, onde participaban músicos escoceses e galegos. Aí coñecín a Rosa Cedrón e cantamos o tema, tanto en gaélico como en galego, para unha actuación e ficou na miña memoria dende entón", coméntanos a artista por medio do mail.

Nese proxecto tamén estaba o cantante Gillebride MacMillan, amigo de Julie, "quen casou cunha muller galega e agora fala con fluidez tanto o español como o galego. El axudoume para realizar a tradución do tema e tamén canta no meu disco".

Rosa Cedrón lembra a súa intervención naquel evento realizado en terras escocesas. "Foi na localidade de Stirling, berce de Escocia, e lémbroo como algo moi bonito. Julie contaba cuns musicazos canda ela e e estivemos tres días realizando uns ensaios moi intensos". No que atinxe ao tema Camariñas, salienta "que esa é unha peza que me encanta e debín levala por todas partes para dala a coñecer o máximo posible. A fusión que se realizou quedou moi chula. Creo que para Julie foi máis doado cantala en galego, aínda que non lle resultase sinxelo, que para min realizar a versión da canción en gaélico escocés porque custa moito facelo nun idioma que descoñeces e que ten complicacións na pronuncia".

No seu día houbo contactos para que Fowlis colaborase no primeiro disco como solista da galega, mais finalmente non se chegou a concretar esa opción.

A escocesa di que lle gusta a música galega que coñece e comenta que lle encantaría que a súa versión do tema fose o máis difundida posible na nosa terra, pero matiza o seguinte: "Sempre e cando a miña pronuncia en galego estea ben!".

Gravando en Galicia

Fowlis estivo este verán no noso país para realizar gravacións destinadas ao programa televisivo Port. Este espazo musical tivo como eixe central durante tres tempadas a Escocia e Irlanda e nesta cuarta, por mor da colaboración entre diversas televisións territoriais, no caso galego coa presenza da Televisión de Galicia, o protagonismo recaerá en Bretaña, Asturias e Galicia.

No programa aparecen como condutoras a propia Fowlis e a irlandesa Muireann Nic Amhlaoibh, quen percorren diversos lugares para coñecer a tradición musical de cada terra e tamén aproveitan para interpretar pezas canda os músicos locais de cada zona visitada, realizando así unha fusión estilística.

Os artistas galegos que participan nesta nova entrega televisiva de Port son o o grupo Leilía, os gaiteiros Anxo Lorenzo e Susana Seivane, os músicos Begoña Riobó e Xosé Liz, que tocan ás veces como dúo e compartiron escenario coa banda Riobó, e tamén contaron no espazo de televisión coas voces de dous solistas destacados no panorama musical galego, o coruñés Xabier Díaz e a pontevedresa Uxía.

A das Hébridas aínda non realizou ningún concerto en Galicia e sería bo que algún programador dos festivais de folk máis importantes decidise darlle ao público a oportunidade de escoitala.