Representantes das institucións científicas, culturais e académicas de Galicia, xunto cunha ampla comitiva chegada desde a localidade de Portas e un grupo de escolares procedentes de Ferrol, asistiron onte á celebración do Día da Ciencia en Galicia, na que se homenaxeou ao matemático e humanista Domingo Fontán, coincidindo co 230 aniversario do seu nacemento.

O acto central, que tivo lugar no Pazo de San Roque en Santiago de Compostela, foi organizado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) que, en paralelo, conta coa colaboración de diversas institucións para levar a cabo actividades divulgativas no marco desta celebración.

Durante o seu discurso, o presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, definiu a Fontán como "un magnífico exemplo de esforzo e de entrega, que soubo ver a importancia do coñecemento científico e proxectalo sobre Galicia", referíndose á Carta Xeométrica de Galicia como un instrumento fundamental para planificar o desenvolvemento do país. Ademais, Ríos precisou que o Día da Ciencia non quere ser unha celebración do pasado, senón unha reivindicación do valor da ciencia para o futuro. Neste sentido, asegurou que "temos que entender que falta un gran impulso". "Está en xogo o futuro de Galicia e o dos galegos e galegas. Por iso, desde aquí, quero facer unha chamada á colaboración dirixida ás administracións autonómica e locais, ás institucións académicas e culturais e aos medios de comunicación. Todos xuntos chegaremos máis lonxe e en menos tempo", subliñou.

O acto foi presidido polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde. Asistiron, entre outros, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o vicerreitor de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela, Vicente Pérez Muñuzuri; as vicerreitoras de Investigación e de Comunicación da Universidade de Vigo, María Belén Rubio e Mónica Valderrama; a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o vicepresidente da Fundación Domingo Fontán, César Camargo, entre outros.