Na súa edición dominical, o programa Zigzag da Televisión de Galicia (TVG) recibirá a visita da poeta santiaguesa Yolanda Castaño, que falará do seu libro O puño e a letra, unha escolma de corenta dos seus poemas interpretados por outros tantos autores galegos de banda deseñada. Este novo lanzamento de Xerais inaugura na tradición editorial galega o xénero coñecido internacionalmente coma comic poetry, o diálogo entre a poesía e a banda deseñada, e serve tamén para celebrar os 25 anos de carreira literaria da autora.

Actualidade cultural

Polo demais, o espazo presentado por María Solar na canle autonómica nas fins de semana fará un repaso do máis destacado da actualidade cultural dos últimos días nos eidos da literatura, as artes, a música, o cine e o teatro.