O programa Zigzag recibirá hoxe a visita do videoartista coruñés Edu Fernández, que presenta no FIVA (Festival Internacional de Videoarte) de Bos Aires unha peza sobre o Ulises de James Joyce, en que fai un " speedrun literario". Ademais, Fernández estrea mañá no Festival Intersección, que se celebra na Fundación Luís Seoane da Coruña, The passion of Edu Fernández.

Tamén estará no estudio de gravación Comba Campoy, secretaria da asociación Morreu o Demo, que organiza no concello coruñés de Teo o Festival Titiribeira. Campoy falará do rol feminino dos monicreques, un dos temas desta edición do certame.

Ademais, o espazo da TVG 2 ofrecerá unha reportaxe sobre o III Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada, que trae cada ano aos mellores profesionais desta arte para compartir as súas experiencias a través de conferencias, exposicións e xornadas de debuxo en vivo cos participantes, entre os que destaca Javier Mariscal, referencia fundamental da ilustración e do deseño gráfico español desde hai máis de tres décadas.

'A Revista'

Por outra banda, A Revista fará este xoves un percorrido polo mundo da arte, no contexto de Compostela Ilustrada. Artistas de todo o mundo danse cita en Santiago, co tema común da natureza urbana. Cadernos de viaxe, exposicións e obradoiros son algunhas das actividades que se levarán a cabo, trasladando a arte ás rúas.

O programa tamén se desprazará ata Vigo, onde se celebra a quinta edición do Petisquiño, o concurso de tapas da cidade. 62 establecementos participan nesta competición, na procura da mellor tapa da cidade viguesa.

No eido das entrevistas, a escritora Elba Pedrosa presentará no programa o seu novo libro, Despertar la creatividad. Ademais, Manuel Gago falará da exposición que ten lugar no Consello da Cultura Galega sobre o último discurso de Castelao. Gago, comisionario de Alba de Gloria, falará de todas as novidades dunha exposición interactiva, que lles permite aos espectadores mergullarse nas últimas verbas do político e escritor galeguista.

Finalmente, o experto en animais do espazo da Televisión de Galicia (TVG), Octavio Villazala, virá acompañado, unha semana máis, por un animal exótico.