Un total de 450 alumnos de 23 centros públicos de toda Galicia participarán este outono na segunda Semana STEM, un campamento de innovación educativa na que os rapaces de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO ampliarán os seus coñecementos científico-tecnolóxicos a través de estadías en réxime de internado. Esta iniciativa, enmarcada dentro da Estratexia galega para a educación dixital (Edudixital 2020), arrancou de xeito pioneiro por primeira vez o curso pasado (daquela con 300 alumnos e 15 centros) co obxectivo de fomentar o espírito científico e tecnolóxico entre o alumnado galego.

Do total de centros seleccionados, 11 corresponden á provincia da Coruña, tres á de Lugo, dous á de Ourense e sete á de Pontevedra. No caso da Coruña trátase dos CEIP Plurilingüe San Marcos (Abegondo), CEIP de Prácticas López Ferreiro (Santiago), CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero), CPI San Sadurniño (San Sadurniño), CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños), IES Eduardo Pondal (Ponteceso), CPI de Atios (Valdoviño), IES Urbano Lugrís (Malpica), IES Campo de San Alberto (Noia), IES de Brión (Brión) e IES Plurilingüe A Cachada (Boiro).

As estadías proporcionarán ao alumnado galego un escenario propicio para desenvolver capacidades, coñecementos e técnicas, a través dunha invitación ao descubrimento, que aumenten o seu interese por saber, cada vez máis, sobre diversos campos da ciencia e as súas posibilidades de aplicación na tecnoloxía.