Unha das figuras centrais nos portos onde entran buques de gran tonelaxe é a do práctico, un profesional da navegación que coñece ben todas as circunstancias que poden influír á hora de navegar dentro do porto, para entrar e saír del. Para coñecer o seu traballo, o programa Pescadores de historias viaxa hoxe a Ferrol, en cuxo porto entran e saen entre 600 e 700 buques ao ano.

X.H. Rivadulla Corcón falará o práctico maior do porto de Ferrol, José Manuel Paz, que explicará cal é a experiencia necesaria para desenvolver esta función e acompañará o equipo do programa da Televisión de Galicia (TVG) ao encontro do buque mercante Star Lindesnes, de bandeira norueguesa, para facer unha demostración en vivo das manobras que hai que realizar.

Con el traballa o patrón de remolcador Mariano Barcón, que explicará o seu traballo nas operacións de entrada en porto dos grandes buques. Outra figura importante nos labores de atraque son os amarradores, que se encargan de atar as estachas ás bitas dos peiraos para que o barco quede asegurado. Pescadores de Historias falará co xerente da empresa de amarradores do porto de Ferrol, Jesús Pinto.

Outro dos protagonistas de hoxe será o director do porto ferrolán, Alejandro Rey, que amosará como a figura do práctico é esencial e o seu labor é crucial para que a seguridade sexa a maior posible.

O final de Pescadores de historias terá, coma sempre, acento gastronómico. Nesta ocasión, o equipo do programa irá xantar cos protagonistas de hoxe ao restaurante Casalexo, propiedade de Alexo Negreira, que cociñará salmonetes á prancha acompañados dun arroz preparado con algas.

Por outra banda, no Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, A Revista Fin de Semana da TVG unirase, en directo, na praza do Obradoiro de Compostela á andaina Camiño ao respecto, organizada en repulsa e en loita contra esta lacra social. Neste senso, no estudio do magazine, a presentadora Almudena de Urzáiz conversará cunha psicóloga experta na materia, que ofrecerá consellos sobre como actuar en caso de ser vítima de violencia machista. O espazo sumarase, amais, aos chamamentos á solidariedade dos galegos que a Crtvg está desenvolvendo en colaboración coa Semana coa Infancia de Unicef. Co cometido de falar da actual campaña Un nome, unha vida, que incide na morte prematura de 7.000 nenos acabados de nacer cada ano, hoxe estará no programa Myriam Garabito, presidenta de Unicef Comité Galicia, e María Amparo González Méndez, directora xeral de Familia.