A Televisión de Galicia (TVG) renderá homenaxe o luns a un dos personaxes máis icónicos da canle pública, Miro Pereira, o dono do bar Suízo na serie Pratos combinados. Durante máis dunha década, o falecido actor Ernesto Chao deu vida a este home de non moitas luces, vago e avaro, sempre metido en leas co seu cuñado Antón.
A noite de Miro Pereira achégalles aos espectadores as distintas facetas do creador dun estilo propio, que mesmo sobreviviu ao personaxe. As cámaras da TVG estarán na Estrada no bar A casa de Miro Pereira para recoller o testemuño de tres fans da serie que introducirán as distintas seccións dun programa clave para entender o estilo Miro Pereira. Por exemplo, falarase das súas innovacións culinarias, como o bocadillo de xamón sen xamón ou o café con mondas de pataca, e tamén da súa peculiar linguaxe, con verbas como "miñoca", "bertorella" e a mítica expresión "mecagho no mundo".
A TVG emitirá o biopic dun personaxe de ficción con tanto arraigamento na cultura popular galega que chegou a ter vida propia. O hostaleiro máis famoso de Galicia, ourensán retornado de Suíza, montara o bar Suízo coa súa dona Balbina, máis ben para que traballara ela mentres el argallaba co cuñado. Farta de aturalo, Balbina marchou e foi a súa curmá Olimpia a que tivo que ser testemuña das súas ocorrencias desde entón. Os fans do estilo Miro Pereira, non poden perder este programa! Irá acompañado dos especiais Queremos tanto a Miro e Escola de trampulleiros, que recordarán algunhas fazañas en Pratos combinados.