Co lema Inimitables: Recanteiros, o reencontro, o programa que a Televisión de Galicia (TVG) ofrece esta noite é un especial en que se volverán xuntar grandes recanteiros que pasaron polo Luar e que deixaron unha pegada especial no público. Uns seguen cantando enriba das táboas, nas verbenas ou onde lles deixen, outros formaron unha familia e preferiron deixar as actuacións e cantar só na casa. E hainos que son mecánicos polo día e cantantes pola noite. Todos teñen algo en común: cando comezaron no mundo da música non eran profesionais e apuntáronse ao concurso de Luar Recantos, un certame que lles transformou a vida.

Unha gran sala de concertos na Coruña será o escenario ideal para xuntalos a todos co seu público que encherá a pista de baile. Arturo Fernández será o presentador do programa con entrevistas moi persoais aos recanteiros para saber que foi de cada un deles desde que saíron do concurso nestes últimos anos. E eles, por suposto, porán a música. Cantarán os seus temas preferidos, aquelas cancións que os marcaron, pero tamén se verá como foi o seu paso polo concurso da canle autonómica, os nervios, a emoción e a clasificación.

O programa A Revista tamén estará en directo na Coruña para tentear a opinión de vendedores e compradores sobre esta primeira xornada de descontos en moitos comercios.