27 de febrero de 2019
27.02.2019

O catedrático que botou a Parga Pondal da universidade, elixido como protagonista do Día da Ciencia en Galicia

27.02.2019 | 00:41

Afinais de agosto de 1936, tras a convulsión do golpe militar de xullo, o profesor Isidro Parga Pondal volveu á facultade de Ciencias da Universidade de Santiago (USC). Alí continuou traballando no Laboratorio de Xeoquímica que dirixía á espera do inicio do curso. Un deses días, no seu despacho soou o teléfono, descolgou e escoitou unha conversa entre dúas persoas. Unha era ben coñecida para el, o seu colega Tomás Batuecas, decano accidental, e a outra o coronel encargado de levar a cabo a depuración do persoal non adicto ao novo Réxime na universidade compostelá, ou sexa, da persecución dos demócratas. O militar comentáballe á autoridade académica que xa remataran de "facer limpeza" na súa facultade porén foi interrumpido polo decano: "Ustedes han dejado al más peligroso, Isidro Parga Pondal".

O xeoquímico non recibira ata ese momento ningunha comunicación que anunciara unha posible expulsión, mais, aos poucos días da conversa indicada, e cando pretendía entrar na facultade para traballar, un bedel impediulle o paso. Unha primeira medida que sería seguida por outras que supuxeron a expulsión do excelente científico, coa comunicación escrita do propio Batuecas en xuño de 1937. Houbo que agardar ata 1983 para que fose rehabilitado pola Universidade de Santiago, que o nomeou Doctor Honoris Causa. En 1972, pouco antes de morrer, Batuecas recibiu o galardón de fillo adoptivo da cidade de Santiago de Compostela e o pasado 19 de febreiro des ano 2019 a Real Academia Galega de Ciencias elixiuno como protagonista a homenaxear no Día da Ciencia en Galicia.

O que acabo de narrar pode consultarse na memoria de doutoramento que en 2013 presentou Francisco Leonardo Docanto na mesma universidade compostelá, recollendo a testemuña de Isidro Parga, a viúva, Avelina Peinador e o fillo, Jorge Parga Peinador. Ao papel represor xogado por Batuecas xa se referira anos antes Ricardo Gurriarán na súa tese de doutoramento e o tema tamén mereceu comentario, moi breve, na biografía do propio Batuecas no Álbum da Ciencia e, máis amplo, na miña sobre Francisco Giral no mesmo Álbum.

Parga licenciarase en Ciencias Químicas en Madrid e, en 1923, acadou a praza de Auxiliar de Química Inorgánica e Analítica na nova facultade de Química de Santiago. Posteriormente dirixiu a súa actividade investigadora cara a Xeoquímica e a Mineraloxía e Xeoloxía de Galicia. En 1936 pagou o pecado de seren un cidadán demócrata e galeguista coa expulsión da universidade, como dixo en 1983: "Privado de todo medio de trabajo, excepto de mi mente y de mis ilusiones, debo recomenzar en Lage la tarea interrumpida, replanteándola totalmente, al carecer allí de los recursos que poseía en la universidad". Desde esa precariedade institucional, co seu Laboratorio Xeolóxico de Laxe botou a andar unha nova e fructífera vida profesional e realizou un extraordinario labor no coñecemento xeolóxico do país.

Tomás Batuecas Marugán iniciou en Madrid en 1913 os traballos de doutoramento e incorporouse ao Laboratorio de Investigacións Físicas que dirixía o grande físico Blas Cabrera. Realizou estudos en Xenebra, onde coñeceu ao salientable químico Enrique Moles, co que formou equipo de traballo durante moito tempo e quen o orientou na súa carreira. En 1932 gañou por oposición a cátedra de Química-Física da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago, na que desenvolveu unha excelente carreira científica.

Durante todo o seu período formativo estivo integrado no equipo de Moles, conectado coa Junta para Ampliación de Estudios (JAE) e identificado coas posicións republicanas e progresistas que eran dominantes no grupo. Porén en 1934, cando o seu desexo de contar co apoio do mestre para obter unha cátedra en Madrid non tivo o éxito que agardaba, iniciou un distanciamento persoal e ideolóxico con el e a súa contorna. Probablemente por iso cando tivo lugar a sublevación militar de 1936, Batuecas comprometeuse co novo réxime como vicerreitor e membro da xunta técnica do Servizo de Guerra Química.

E exerceu, como comentamos, de represor na súa facultade, unha actividade que realizou, segundo os datos dispoñibles, co agravante da voluntaridade, sen mediar coaccións, e con actitude cínica cara a Parga. Seguiu un camiño ben diferente ao dos seus mestres, pois Cabrera morreu no exilio mexicano e Enrique Moles sufriu cadea en Madrid. Por certo, hai menos dun mes, o 30 de xaneiro deste ano 2019 o Goberno español realizou unha merecida homenaxe de reparación coa devolución dos diplomas aos académicos de Ciencias a quen a dictadura llos retirara, entre eles a Blas Cabrera e Enrique Moles.

En febreiro de 1936 Francisco Giral González, fillo do científico e político republicano José Giral Pereira, acadou por oposición a cátedra de Química Orgánica da facultade de Farmacia da USC. Tomou posesión o 10 de marzo dese ano e tres meses despois, en xuño, solicitou unha bolsa para asistir en Lucerna (Suíza) á XII Conferencia da Unión Internacional de Química, da que formaba parte. Alí estaba cando o 18 de xullo se iniciou a sublevación fascista. Volveu a Madrid e incorporouse ao Exército Republicano.

No momento de saír de Santiago, contando coa lóxica volta á cidade ao remate das vacacións do curso escolar, deixou unha das súas maletas na casa de Tomás Batuecas. Era coñecido seu, pois coincidiran na rede formativa da JAE, podería saber do resentimento con Enrique Moles pero non agardaría o seu comportamento represor. Coido que Giral nunca recuperou a maleta, pois volveu a España en 1977, con Batuecas e Franco mortos. Naquel momento decidiuse reintegrar ao seu posto aos profesores expulsados polo fascismo. Obviamente, moitos deles morreran ou superaran a idade de xubilación. En 1976, Francisco Giral era un dos poucos que estaba en condicións para recuperar a cátedra usurpada. Dubidou se fácelo, pero "... sentí la obligación histórica de solicitar el reingreso en el escalafón de universidades con la pretensión de dar testimonio de lo que había sido la Universidad del Exilio [...] para información y conocimiento de la juventud española". Só el, e Augusto Pérez Vitoria, catedrático de Química Inorgánica na Universidade de Murcia, puideron reintegrarse.

Xubilado, cumprido o deber auto imposto, volveu a México, onde morreu en 2002.

A intervención represora de Batuecas traslada unha cuestión relevante á hora de considerar a biografía dun científico: ata que punto deben condicionar a súa estimación presente certos comportamentos e/ou opinións discordantes con criterios éticos e/ou valores actuais? Entendo que a resposta a cada caso require un triple exercicio e unha clara actitude por parte de quen pretenda pronunciarse. De entrada, esixe non agachar o asunto conflitivo, non construír biografías que son auténticas haxiografías, relatos laudatorios sen zonas grises. No caso que nos ocupa, tanto a Academia de Ciencias como a USC informaron estes días dos indiscutibles méritos científicos de Batuecas porén non mencionaron a parte turbia da súa biografía. O segundo paso sería ubicar a actuación considerada irregular no conxunto da vida do afectado, establecer a súa dimensión e efecto. E o terceiro exercicio, fundamental, consiste en contextualizar o tema, situalo no momento histórico no que tivo lugar, nas circunstancias científicas, sociais e culturais dese tempo. Entre os nosos científicos salientables temos exemplares cidadáns, mais tamén delatores da Inquisición, autores que cometeron fraude nas súas publicacións, defensores de teorías misóxinas, fascistas, etc. A actitude que coido necesaria garda relación con aplicar un criterio equitativo, ou sexa, non infravalorar uns deses temas e sobreestimar outros.

Non sei se o acontecido con Batuecas, a desaparación do seu pasado problemático, tamén garda relación con algo que observei, con sorpresa, en diversas ocasións. Refírome ao feito de que algunhas persoas de alta cualificación nas súas disciplinas porén sen formación na historia das materias e cun coñecemento elemental sobre os contextos históricos, adoitan emitir sen ningún pudor intelectual aventurados xuízos sobre cuestións de historia das ciencias. Semella que nese terreo, como noutros, por exemplo o educativo, todo o mundo se considera experto.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

ESPECIAL

PREMIOS OPINIÓN MÚSICA RAÍZ

Premios Opinión da Música de Raíz

Consulta aquí a información dos premios de música do noso diario


Neomotor

Toda la información sobre el mundo del motor

Conoce las últimas tendencias y las novedades en coches, motos y la industria automovilística.