Salvador García-Bodaño naceu en Vigo (Teis, 1935), pero foi en Santiago onde construíu o seu canto. O espazo vital e literario que marcou o poeta e académico achegouse onte ata outra ourela na homenaxe que a Real Academia Galega (RAG) lle rendeu na Coruña co gallo do Día da Poesía. Baixo o título Horas de Compostela, a institución celebrou a quen, "como poucos, soubo erguer a voz e, en tempos ben miserentos, facer do canto un abeiro liberador, autentificador". Foron palabras do académico de honra Arcadio López-Casanova, compañeiro da chamada xeración das Festas Minervais xurdida "naqueles anos escuros" de finais da década dos 50, e autor da laudatio coa que arrincou o acto.

Poetas de distintas xeracións puxéronlles voz aos versos do homenaxeado e Miro Casabella recitounos, como leva décadas facendo, convertidos en cancións. Todas as contribucións están recollidas na plaquette editada para a ocasión coa que se agasallou o público.

"É difícil separar a voz do poeta do territorio simbólico da cidade. O título desta celebración, unha homenaxe e festa da poesía, evoca inevitablemente o espazo que Salvador García-Bodaño habita dende a primeira infancia, malia nacer á beira do mar, pois ao longo da súa vida aquí foi construído o seu canto, que é tamén a súa experiencia, memoria propia e memoria dos seus", salientou o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, nas palabras de benvida.

7

Homenaxe a García-Bodaño na RAG polo Día da Poesía

"Compostela do corazón de da memoria (...). Compostela é a nación de Salvador; o espazo sentimental, emocional, histórico, sobre o que o poeta constrúe o seu discurso e se constrúe a si mesmo, espello de Galicia enteira, fiestra que se abre ao mundo e nos universaliza", concluíu.

"Compostela é unha rúa longa / na memoria / onde vagan os nomes / e as horas / que cada quen recorda...", recitaba pouco despois a académica Fina Casalderrey, que escolleu este poema polo "afán soñador de comparar vida e arte". A mesma composición soou en forma de canción na voz de Miro Casabella, quen interpretou tamén Se vas a Compostela e Adeus.

A poeta e música Andrea Porto foi a encargada de conducir a homenaxe.

7

Homenaxe a García-Bodaño na RAG polo Día da Poesía

O serán avanzou entre os versos escolmados e comentados para a ocasión por Dores Tembrás, Xulio López Valcárcel, Alba Cid, Baldo Ramos e os membros da RAG Xosé Luís Franco Grande, Margarita Ledo Andión, Helena Villar Janeiro, Darío Xohán Cabana, Marilar Aleixandre e a propia Fina Casalderrey. Páxinas de Ao pé de cada hora (1967), T empo de Compostela (1978), Obra poética (1993), Pegadas no alcatrán (1994), Cidade virtual (2003), Cantos de ausencia. Elexías (1959 -2002) e a achega de Salvador García-Bodaño a Poetas con Rosalía I (2006), boa mostra todas elas da evolución de quen é unha das figuras máis destacadas da súa xeración. Porque o poeta "foi elaborando devagariño un corpus poético de rigorosa unidade e matizada evolución", rexido sempre por dous principios: "A fidelidade ao seu modo, que non á moda fugaz; e a relevancia dada, por riba de todo, á razón estética da palabra creadora", recorda Arcadio López-Casanova na loanza, que foi lida no seu nome pola académica Marilar Aleixandre.

O acto de onte na sede da coruñesa rúa Tabernas foise achegando á fin coa intervención do director da Sección de Literatura da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, unha análise doutro poema de Salvador García-Bodaño dedicado á autora fundacional das letras galegas contemporáneas, A Rosalía de Castro, campesiña na eternidade, publicado en Tempo de Compostela, pero escrito con anterioridade, polo menos no ano 1971, cando foi premiado nos Xogos Florais de Betanzos.

"Salvador García-Bodaño, como outros poetas do seu tempo, achégase a Rosalía non só como devoto da súa obra poética, senón en demanda de respostas cívicas", salientou na súa intervención o académico e expresidente da Real Academia Galega (RAG).