A Televisión de Galicia (TVG) estreará esta noite o programa Galicia bonita, un docureality de reformas en que unha arquitecta percorrerá a xeografía galega na procura dos feísmos máis comúns, para poñerlles remedio xunto cos veciños e o seu equipo de arranxos. Cun formato dirixido a todos os públicos, vai permitir coñecer Galicia fomentando o respecto ao medio ambiente e a sostibilidade.

Rosa Facal, especializada na recuperación de contornas no rural, e os seus pintorescos axudantes visitarán durante as vindeiras nove semanas algunhas das vivendas máis descoidadas de Galicia para asesorar e axudar na súa rehabilitación. Coa colaboración dos seus donos, o equipo de Galicia bonita fará o imposible para cumprir co axustadísimo prazo estipulado: cinco días.

O programa trata de fomentar valores de coidado do patrimonio partindo do concepto tan de moda Faino ti, a práctica de fabricación ou reparación das cousas por un mesmo, de xeito que se aforra, se aprende e se entretén ao mesmo tempo.

Galicia bonita orientará o espectador no uso de materiais e as técnicas para conseguir que o feísmo deixe de ser feo. A idea é amosar con orgullo os diferentes recunchos da xeografía galega, amosando as marabillas da paisaxe das que todos os foráneos namoran, dando así a coñecer a outra cara da moeda do feísmo, provocado por unhas intervencións que en moitas ocasións veñen dadas por unha situación sobrevida ou pola simple e respectable idea de darlle solución de xeito rápido e, sobre todo, económico, a un problema puntual que se presenta nunha propiedade.

O espazo da TVG tamén ten un claro obxectivo didáctico e de familiarización coas institucións e os trámites burocráticos, motivo de que moitas persoas non se decidan a arranxar as súas propiedades.

O equipo do programa Galicia bonita terá a súa primeira misión en Boiro, onde Tere, Luísa e Pepa; tres simpáticas irmás, ensinaranlle a Rosa a súa salvaxe finca, gobernada por uns adorables cans e a abandonada casa feita polo seu pai hai máis de corenta anos.