A muller que foi apuñalada o mércores en Vimianzo supostamente pola súa exparella, continúa ingresada na UCI do Hospital Clínico de Santiago, aínda que está estable con "unhas condicións boas de saúde", segundo informou onte a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, quen asegurou que pese a que o detido clavoulle o coitelo no pescozo e temíase que a vítima puidese ter lesións medulares, "en principio están descartadas". Ademais o agresor tamén está ingresado, neste caso no Complexo Hospitalario da Coruña, tras autolesionarse.

Tras pasar pola UCI, a exparella da vítima Javier M., atópase estable en planta tras ser intervido dun problema renal á espera de pasar hoxe a disposición xudicial, xa que a Garda Civil continúa realizando as dilixencias de investigación, segundo fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O detido „que tras apuñalar a vítima no seu posto de traballo fuxiu e foi atopado pasadas horas nunha praia de Muxía„ foi trasladado o mércores á noite desde o hospital de Cee, onde lle fixeron un recoñecemento médico, á UCI do Chuac, onde o trataron duns cortes superficiais nos pulsos e foi operado tras unha complicación que derivou nun problema nefrítico.

Este home, excandidato de Compromiso Por Galicia en 2015 e actor (apareceu en varias series da Televisión de Galicia), está acusado de cravar un coitelo no pescozo a Montse L.M. o mércolres pola mañá na sede de Vimianzo do sindicato Unións Agrarias, onde ela traballa, o que lle provocou feridas de gravidade.

A vítima non o denunciara nunca, polo que non constan antecedentes ou ordes de protección en relación a ela, pero si existe unha denuncia previa doutra muller contra él por violencia machista á que se lle puxo protección, explicou a subdelegada do Goberno.

Pilar López-Rioboo lamentou esta agresión machista e felicitou á Garda Civil pola "rápida" actuación tras o suceso. Reiterou que unha das prioridades da Delegación do Goberno en Galicia "é loitar para erradicar a violencia machista, a violencia de xénero" e fixo un chamamento a modo de advertencia ás mulleres: "Un agresor de violencia machista será sempre un agresor de violencia machista".

Vítima e agresor, que teñen fillos de relacións anteriores, romperan fai poucos meses, segundo achegados.