Hai xa máis de tres décadas que decidiu cambiar no Rexistro Civil o nome que lle puxeron ao nacer, María Eugenia , pola sua forma en galego, Uxía. Catro letras cargadas de sonoridade e de forza que a cantautora Uxía Senlle leva orgullosa polo mundo adiante. "Tanto me gusta Uxía que decidín usalo tamén como nome artístico, sen o apelido", sinala dende Brasil, onde hoxe mesmo dará, en Belo Horizonte, un concerto acompañada pola Orquesta de Ouro Preto ao que seguerá outro recital, o vindeiro venres, en Fortaleza, no Teatro São Luiz, coa Orquesta da UECE. "Identifícome moito co meu nome, que significa algo así como bendecida, nobre de nacemento. Os meus amigos moitas veces rin polo da nobreza e chámanme a marquesa de Mos, que é a miña vila de nacemento", comenta, divertida.

Uxía recoñece sentirse moi orgullosa de ser embaixadora da cultura e da música de raíz galega polo mundo, e tamén do seu nome, que recoñece que adoita gustar moito noutros países como Brasil e Portugal, onde a forma utilizada é Euxenia. "Nalgúns sitios cústalles bastante pronunciar a 'x'; eu sempre lles digo que se le igual que a 'sh' de Shakira', explica, entre risas.

Orgullo sente tamén a cantautora galega cando se lle achegan pais para dicirlle que lle puxeron Uxía á súa fillas por ela. "Lembro con especial emoción o caso dunha muller de Portugal con unha historia moi complicada que despois dun concerto veu ao meu camerino para dicirme que a súa filla chamábase Uxía porque a miña música axudáralle moito durante esa etapa tan dura da súa vida. É unha das cousas mais bonitas que me teñen pasado nestes anos de profesión", subliña Uxía, quen anima a todo o mundo a que poña aos seus fillos nomes de orixe galega ou en galego. "Os hai fermosísimos, referidos a lugares, Como Cíes, ou ás lendas máxicas, como Celtia", reivindica.