O programa Zigzag da Televisión de Galicia (TVG) contará hoxe coa presenza da saxofonista Sara Méndez e do compositor Pedro González, que participan nas Xornadas de Música Contemporánea de Santiago co proxecto Container, unha plataforma de creación musical centrada na realización de actividades arredor da música experimental e a video- performance e con actividades en diferentes puntos de produción de Europa e América Latina.

Os espectadores da tvG2 tamén coñecerán este luns os gañadores dos Premios Xerais, que cada ano se entregan nas modalidades de novela, literatura infantil e literatura xuvenil. A festa de entrega dos galardóns terá lugar no mes de outubro, coincidindo coa aparición dos libros editados das obras gañadoras.

Ademais, o programa presentado por Pilar G. Rego fará balance da décima edición da (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña, un festival de cine experimental que leva dez anos rescatando filmes do pasado e creando un espazo para achegar o cinema de vangarda ás rúas no seu formato orixinal. Este ano ofreceu cun programa enfocado na restauración de filmes.