O actor Xosé A. Touriñán e o ex xogador do Deportivo da Coruña Donato únense hoxe ás dúas horas de humor que propón cada semana Malo Será!, o programa itinerante da Televisión de Galicia (TVG) que achega a televisión aos teatros de todo o país e que recala nesta ocasión no Auditorio Municipal de Ourense.

Neste espazo, os espectadores asistirán á retransmisión da comida dunha parella de turistas nunha terraza da praia de Samil, observarán a detención e posterior declaración dun árbitro de fútbol e acompañarán unha paciente á Clínica Rexurdir para deixar de fumar. Todo isto e moito máis, baixo o título Mil Burgas máis.

Coma sempre, Malo Será! contará cos mellores cómicos da escena galega e, deste xeito, uniranse a Touriñán e Donato os actores e actrices Marcos Pereiro, Lucía Veiga, Paula Pier, Cristina Andrade, Marita Martínez, Oswaldo Digón e Evaristo Calvo.

'A Revista', na selectividade

Por outra banda, hoxe é un día importante para miles de estudantes galegos, pois comeza a selectividade. Por iso, A Revista da TVG estará en directo na Universidade de Dereito de Santiago para coñecer a rapazada que se presenta a estas probas de acceso á universidade, que durarán ata o venres. Tamén na capital galega, o espazo fará unha conexión coa tenda de crianza ecolóxica Gaia Ecocrianza, que ofrece produtos respectuosos co medio ambiente para bebés, como cueiros lavables.

De volta no estudio de gravación, participará no espazo a nutricionista Áurea Casais para falar sobre a dieta atlántica, un dos segredos da lonxevidade e boa saúde dos galegos, que se basea, entre outros, en mariscos, pescados, vexetais ou aceite de oliva. Participarán no programa tamén a xornalista Alba Mancebo e a psicóloga Libertad Culebras.

'Zigzag'

Ademáis, hoxe estará no estudio de Zigzag a escritora e xornalista María Xosé Porteiro para presentar a súa novela Sándalo. Ambientada en Galicia e Cuba, esta ficción histórica fala das migracións nos últimos douscentos anos. A audiencia tamén coñecerá, da man de Aitana Cuétara, as últimas novidades do panorama musical.

O programa tamén ofrecerá unha reportaxe sobre o premio internacional de arte Fundación María José Jove, un galardón dirixido a artistas menores de 40 anos e que este ano foi outorgado a June Crespo.