A lingua "está viva e ten unha utilidade obxectiva". Os responsables institucionais e das entidades relacionadas co idioma están a afrontar un momento insólito para o galego: o do seu maior grao de coñecemento histórico pola sociedade, pero tamén o da cada vez maior caída no uso por parte dos mozos máis preparados para utilizalo.

O Consello de Europa, a través do seu informe sobre a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, advertiu aos poderes públicos sobre esta circunstancia, que tamén fora constatada polos diferentes datos rexistrados polo Instituto Galego de Estatística e os estudos das principais institucións académicas, como a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura.

O presidente da RAG, Víctor Freixanes, ten claro que o galego debe ser unha lingua identificada coa modernidade" e instalada "nas necesidades e demandas das novas xeracións", para quen hai que crear "espazos de relación e descubrimento da vida" que poidan compartir cos demais.

"Non limitarse a que o galego sexa esa materia que hai que estudar, que é necesario, pero temos que potenciar os espazos de relación, de lecer...", insistiu, posto que o caso contrario sería relegar o idioma "a unha cousa museística" e este idioma "afortunadamente non é iso".

Freixanes insistiu en que a lingua debe ir da man deste tipo de ámbitos, con todo aquilo "que ten que ver coa vida", sobre todo nun momento no que os mozos, cada vez máis, veñen marcados "polo consumo, das novas tecnoloxías e os modelos urbanos".

Crear ámbitos favorables

Pero para iso a escola tamén debe cumprir un papel destacado. O presidente da Academia reivindicou o galego "como lingua vehicular", para mostrarlle aos mozos que se trata dun idioma "para descubrir e explicar o mundo", as matemáticas, as ciencias, e "para entrar na modernidade" e as novas formas de comunicación e socialización.

Precisamente, o informe da CE recomendou especificamente á Xunta que se eliminen de inmediato as limitacións existentes para impartir docencia en lingua galega (referíndose ao chamado 'decreto do plurilingüismo' ou 'decreto do idioma' no ensino), unha cuestión que solicitara a propia Real Academia Galega ao comité de expertos.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, respecto diso, reivindicou que o nivel de competencias da sociedade está "en cifras históricas", pero que a materia pendente é a falta de uso na vida diaria, é dicir, cando os mozos "saen das aulas" e chegan ao patio a relacionarse cos seus compañeiros.

"E aí é onde temos que traballar, crear ámbitos de uso favorables", insistiu García, quen recoñeceu que os fluxos de poboación, que teñen "cada vez máis á urbanización" da sociedade, están "a xogar en contra" da lingua galega.

A vida en galego

Ambos os cargos coincidiron este luns, precisamente, na presentación da experiencia '21 días co galego e +', nas instalacións do instituto Xelmírez de Santiago de Compostela e que se trata dunha iniciativa que vai na liña de incentivar e promover eses espazos de uso para, ao mesmo tempo, que os mozos sexan conscientes das implicacións de levar unha vida plena en lingua galega.

O programa colle o seu nome da teoría do psicólogo Maxwell Maltz, cirurxián plástico da Universidade de Columbia, que calculou nese intervalo de tempo como o necesario para que unha persona adquira un hábito de forma natural e con normalidade.

Deste xeito, esta iniciativa, que naceu hai anos da man da profesora Pilar Ponte, esténdese agora a dez centros galegos, no que un grupo de alumnos comprométese a vivir 21 días utilizando a lingua galega, ademais de poder participar en todo tipo de actividades. En total, serán 3.877 estudantes de entre 12 e 18 anos.

No acto de presentación ante os mozos en Compostela, García apelou a falar en galego "o que poidan", posto que se trata de "un dos patrimonios culturais máis grandes" e aseguroulles que nas súas mans está "o futuro do idioma".

Nesta liña pronunciouse tamén Freixanes, quen animou aos alumnos a vivir esta "experiencia sociolingüística" como "un xogo", pero tamén como unha posibilidade e unha oportunidade para ver as reaccións da súa contorna e coñecer de primeira man "o problema da lingua no seu uso real, non o dos discursos oficiais".

Toda a comunidade educativa

As actividades do programa contarán, á súa vez, con máis de 300 profesores e membros do persoal dos centros que apoiarán ao alumnado participante.

Os centros son o IES As Lagoas (Ourense), o IES Alfonso X O Sabio (Cambre), o IES Antón Alonso Ríos (Tomiño), o IES Ánxel Fole (Lugo), o IS Arcebispo Xelmírez I (Santiago), o IES Eduardo Blanco Amor (Ourense), o CPR Plurilingüe Fogar de Santa Margarida (A Coruña), o IES Illa de ONS (Bueu), o IES de Poio e o IES de Vilalonga (Sanxenxo).