A Coruña é unha cidade especial. Poucas cidades en España teñen unha fortaleza social como esta. Semella que vai no ADN da súa sociedade a procura de coñecemento e a inquedanza da investigación. Creouse ano a ano, década á década, xeración a xeración. Todos sabemos que non hai moitos días libres durante a semana en que non coincidan varios actos ou conferencias con temáticas semellantes. Moita vida.

Se a Covid-19 parou en seco esta actividade cun imprescindible confinamento e as limitacións nas relación sociais tradicionais. Limitacións que, dende logo, non teñen nada que ver coas que puideron sufrir na última gran epidemia da gripe española de 1918. A pandemia marcou un antes e un despois, un punto de inflexión. Nin fomos os mesmos despois da crise económica do 2007 nin o seremos tras o 2020. Veremos co tempo de que magnitude serán os cambios. En que medida aprenderemos ou volveremos a equivocarnos é algo que sempre nos ensina a Historia. Para aminorar o drama o mellor é reconstruír novos espazos e obxectivos comúns. Por iso é urxente crear ilusión en novos proxectos. Teñen que ser construídos con impulso e tendo ben presente a realidade. Non é tempo de pensar en pequeno. Mesmo arriscarse. Hoxe. Agora. Pensar cara adiante.

Na Coruña, o discurso do pasado atópase ben presente na cidade. Vese no seu patrimonio histórico, tanto moble como inmoble, pero que se atopa individualizado en compartimentos estancos necesitados dunha renovación. A súa inercia pode levar o risco de continuar nunha deriva marcada polo particularismo e a pouca proxección, que pode provocar a curto ou medio prazo, a precarización dos recursos e a visualización de debilidades nas accións que se activen.

Quizás pode ser o momento de aproveitar o impulso. A activación da mobilidade tras a crise reaccionará nuns primeiros intres en espazos mais localizados. Co tempo, desenvolveranse uns desprazamentos que, cando menos nos seus inicios, non poderán ser tan masificados. O novo turismo semella a día de hoxe que estará mais atento á calidade que ao número. Establecéranse novos mercados, mais sofisticados e protectores, pero tamén novos gustos mais atentos a experiencias individualizadas. Alén da necesaria proxección das novas tecnoloxías „por certo que de novas teñen bastante pouco xa„ resultará necesaria unha democratización do espazo cultural no que, por exemplo, mulleres e ecoloxismo deberán incorporarse dun xeito medular ó novo relato resultante desta inflexión.

Os novos cambios precisan inicialmente da procura dun planeamento inicial depurado e traballado, con compromisos e consensos a medio e longo prazo. Sería convinte unha estabilidade que facilitara a elaboración de liñas de actuación e construción dunha imaxe anovada tanto do seu patrimonio e dos seus activos culturais. Sería interesante a creación dunha nova estrutura que observara e operara de xeito conxunto sobre a decena de museos e dúas decenas de institucións expositivas que ten a cidade. Institucións que abondan de máis para levar adiante este cometido. Poucas cidades teñen esta estrutura disposta especificamente sobre o seu pasado, alén de novas propostas que se pretendan crear. A calidade do tecido cultural urbano é, ao mesmo tempo, causa e consecuencia da cidade. Deberíase crear unha axenda común, establecendo reunións periódicas de xeito transversal entre institucións, administración e técnicos, con propostas globais de proxección interna. Variedade e calidade xa se atopan. Demándase claridade na execución de políticas públicas.

Necesitaríase establecer un novo relato axeitado ao futuro a construír, que fora quen de tecer fíos condutores entre a diversidade urbana. E dende logo é o momento de apostar por un novo relato non só no fondo, senón tamén na forma. Se algo nos permite ver de xeito claro as consecuencias desta pandemia é que o futuro será en maior medida virtual. A construción de novos relatos debe ter moi en conta o xeito de contalos. E tamén, como non, ós públicos aos que se teña que dirixir.

Hoxe en día é necesario ademais incorporar o outro reforzo protagonista dende a metade do século XX do relato do pasado: a memoria. Este é un discurso complementario da historia, que a medida que avanza o século XXI vai gañando terreo, en grande parte pola súa capacidade de comunicación. Pero a memoria non é só os contidos da chamada memoria histórica, senón a memoria fotográfica, a oral, a vencellada os espazos naturais, a inmaterial... O recordo máis directo da nosa realidade convivencial.

Chegarán cambios, tanto no fondo como na forma. Neste ámbito deberíase tentar disolver as fronteiras existentes entre investigación e divulgación. As novidades deben chegar canto antes ó público, non só o auditorio máis especialista. Esta orientación xera conciencia cívica e valores democráticos. Deberían establecerse políticas públicas activas cara a sociedade no coidado e na atención do patrimonio público. Aproveitar este novo impulso sobre a identidade da cidade pode resultar tamén de crear estruturas firmes e consolidables de transmisión dos recordos da cidade en todas as súas variables. Non se deberían pechar as portas, senón estar ben atentos a novas temáticas, ante as que xeracións do século XXI xa comezan a facerse preguntas de cales foron as súas orixes: sectores científicos, empresariais, financeiros, sanidade, moda...

O relato da cidade tampouco pode obviar o novo futuro establecido en torno a espazos urbanos cada vez máis amplos, con servizos comúns, e nos que a integración dos barrios debe ser o mais efectiva posible. Valorizar a diversidade interna dentro dunha identidade común é enriquecedora. E ninguén mellor para crealo que un novo relato sobre o pasado.

O pasado é un enorme xerador de recursos para a cidade. Alén do turismo masificado, a pandemia vai facer sen dúbida virar a nosa experiencia sobre a nosa contorna. Veremos experiencias mais cara o interior, onde a inquedanza cultural semella tenderá a medrar. O pasado podería ser unha rotunda e precisa marca de imaxe da cidade, que terá que corresponderse cunha oferta estruturada e pendente do futuro. Dun futuro que xa está aquí. Vivo. Ou tocamos xa. Ou crease ou crearase sen o noso consentimento.

O que esta cidade adica á valorar o seu pasado ninguén o vai discutir. As estruturas creadas durante décadas con este cometido poderían ser aproveitadas precisamente co impulso da construción dun futuro que está por escribir. Aproveitemos o impulso. Pero primeiro hai que saber cara onde se quere ir.