O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, considera que antes de falar dun calendario de desescalada é necesario que se "corrixan as inxustizas das medidas sociais" e tamén modificar a falla de medidas de protección.

En liñas xerais, que lle parece o plan de transición á "nova normalidade" que vén de presentar o Goberno?

Para nós hai dúas medidas fundamentais necesarias antes de falar do calendario de desescalada. En primeiro lugar, é necesario, antes de definir un calendario, resolver toda a situación de falla de medidas de protección de moitos traballadores que están a traballar a día de hoxe e que non están resoltas. Débese acometer a corrección de todas esas medidas que non se están a tomar pola falla de control público desas medidas.

E a segunda?

Parécenos fundamental que haxa que corrixir todas as medidas laborais, sociais e económicas que se adoptaron e que estiveron deixando atrás a moitos traballadores porque ou están despedidos ou están en ERTE e non están cobrando os seus salarios. Falar de desescalada sen atender esas dúas cuestións parécenos un tanto temerario porque aquí volvemos ver de novo que a prioridade é a saúde da economía e non a saúde e o benestar das persoas.

Hai quen di que isto vai de salvar as persoas ou de salvar a economía.

Desde un principio defendemos que había que parar todo menos aquelas actividades esenciais ante a emerxencia sanitaria. Pero agora entendemos que son os intereses do capital os que se están a impoñer e non a saúde e o benestar das personas. Calquera sociedade avanzada ten que preservar ante todo e sobre todo e por riba de todo a saúde das persoas, a saúde dos traballadores. E esa disxuntiva entre a saúde da economía ou a saúde das persoas non pode ir en prexuízo do elemento fundamental que para nós é que hai que protexer a saúde das persoas.

As empresas galegas están preparadas para esta volta ao traballo dos seus empregados?

Hai unha falla de medidas de seguridade de protección que é xeralizada. Hai una falla de control público como xa se ten constatado e demostrado. Se durante o máis duro da emerxencia sanitaria houbo esta desprotección, preocúpanos tanta prioridade en chegar á normalidade cando aínda o problema da desprotección non está solucionado por completo. Por iso entendemos que as empresas aínda non están preparadas no aspecto da seguridade. As empresas están máis preocupadas pola súa conta de resultados que polo estado de saúde dos traballadores e de dispor de medios para que se poida traballar con seguridade.