O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, considera que "a cultura galega nunca estivo tan viva como nestas datas" nas que, debido ao confinamento polo Covid-19, as visitas aos contidos didácticos e divulgativos que a institución colgou na web hai meses multiplicáronse por tres en seis semanas. "Se aceptamos que unha sociedade e unha cultura é, fundamentalmente, un espazo de comunicación, a cultura galega nunca estivo tan viva", indicou Freixanes nunha entrevista con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, que este ano homenaxea ó ferrolán Ricardo Carvalho Calero.

Como é tradicional, a idea inicial era facer un pleno extraordinario da RAG en Ferrol, cidade natal do homenaxeado deste ano pero a pandemia cambiou os plans e agora a entidades aprazou este pleno aínda que realizou unha pequena ofrenda floral en Santiago, diante da súa casa de Santiago.s "Todo á espera de que esta situación se regularice e que nos próximos meses aos poucos podamos ir recuperando a normalidade", confía Freixanes. Está previsto retomar tras o verán as celebracións presenciais do ano de Carvalho Calero.

O presidente da RAG amósase convencido de que esta crise sanitaria que impediu a celebración tradicional do Día das Letras Galegas "non afecta en absoluto" ao sentimento festivo por este día, pero ás celebracións presenciais si, como o plenario da institución.

Con todo, esta contrariedade puxo de manifesto "un dos aspectos máis significativos da celebración do Día das Letras Galegas nesta edición 2020 e é, precisamente, a enorme actividade que se está tendo lugar aproveitando as posibilidades das novas tecnoloxías da comunicación".