Cun pulo de enerxía e a percepción de que “por fin avanzamos” afrontan os enfermeiros de Atención Primaria o inicio da segunda fase da vacinación fronte ao COVID en Galicia, que onte arrincou cunha proba piloto en oito centros de saúde da área sanitaria de Santiago e Barbanza, e que o luns botará a andar, de xeito oficial, en toda a comunidade. Consciente da “transcendencia que ten como profesionais” participar nesta campaña histórica, o presidente da Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria (Agefec), Álvaro Carrera García, membro dun dos equipos de vacinación que leva xa case dous meses administrando as doses, subliña a “esperanza e ilusión” que percibe nos cidadáns cando as reciben. “Ser parte activa deste proceso é unha oportunidade única”, remarca.

Como afrontan os profesionais de Enfermería de Atención Primaria o inicio da segunda fase da vacinación contra o COVID, que xa se levará a cabo nos centros de saúde?

De entrada, esta fase seguirá liderada polos 200 profesionais que estivemos afrontando a vacinación nos centros sociosantiarios, pero xa contando co apoio puntual das enfermeiras dos centros de saúde. A percepción é que “por fin avanzamos”, xa que o feito de comezar a vacinar a novos colectivos fóra dos ámbito sociosanitario e sanitario é un pulo de enerxía.

Imaxino que esta fase da campaña de vacinación vivirase dun modo moi diferente…

Si, volvemos ao noso medio habitual, o que fai que a relación cos pacientes sexa máis familiar.

Que supón a nivel persoal formar parte dese capítulo da Historia?

Realmente non fun consciente do que representaba esta campaña ata que a iniciamos. Sabemos a transcendencia que ten como profesionais, obviamente, pero a parte de esperanza e ilusión que representa para a poboación, non te decatas ata que os recibes e lles administras a vacina. Conforme avanza a campaña e se ve todo con máis perspectiva, é cando realmente te das de conta do importante que é, e a oportunidade única que supón ser parte activa.

Os profesionais de Enfermería de Atención Primaria teñen un papel clave desde o inicio da pandemia. Á súa labor habitual únense, entre outras accións específicas, a participación nos cribados masivos e, por suposto, na campaña de vacinación. Reforzáronse os equipos?

O reforzo dos equipos de Atención Primaria varía moito entre as áreas sanitarias porque hai dous factores que condicionan: a evolución epidemiolóxica e a dispoñibilidade de enfermeiras. Cando a presión hospitalaria aumenta, consume moitos recursos humanos en detrimento da Atención Primaria. Sen o traballo das compañeiras dos centros de saúde na retagarda coidando e velando polos nosos pacientes, non sería posible o que levamos feito. Na maior parte dos casos, os membros dos equipos de vacinación fomos substituídos nas nosas consultas.

De recibir doses suficientes, habería capacidade para alcanzar o ritmo de vacinas que se poñen nun día do pico da gripe?

Si é posible, modificando a organización e contando cun sobre esforzo das enfermeiras. Nunha campaña da gripe, compatibilízase a actividade ordinaria da consulta coa campaña de vacinación. Se facemos esta campaña fóra da actividade ordinaria —o que implica ter que facer xornadas extraordinarias— e modificando a organización do traballo, eu creo que si é posible. Sería un ritmo de traballo moi intenso, pero podería lograrse.

Supoño que é frustrante que o produto chegue a contagotas…

Sobre todo, o que provoca é un desgaste a medio prazo porque se perde un pouco a perspectiva do que levas feito e non visualizas a meta.

Van vacinar fóra do horario das consultas? Son partidarios de facelo?

De momento, neste tramo de idade de maiores de 80, dase asumido cos equipos específicos con apoios puntuais. Se viñesen máis vacinas e se ampliasen os grupos a vacinar, o ritmo aumentaría, polo que dende a Agefec non vemos viable outra opción. Así e todo, aquí o que manda é a dispoñibilidade de vacinas, que de momento son as que son.

Cre que noutras fases do proceso de vacinación sería adecuado traspasar os muros dos centros de saúde e recorrer a espazos máis amplos ou grades recintos, como xa se está facendo noutros países europeos e mesmo se prevé facer noutras comunidades?

Este tipo de instalacións teñen pros e contras. Temos unha importante rede de Atención Primaria cos medios necesarios para a asistencia que non hai noutros lugares. Pero se non houbese límite de vacinas, e puidésemos acadar a máxima velocidade de vacinación, saír a comunidade sería a mellor opción.

A campaña de vacinación arrincou fai case un par de meses entre os usuarios e os profesionais das residencias de maiores e, posteriormente, entre o persoal sanitario en primeira liña fronte ao COVID. Cales son as cuestións ou as dúbidas máis frecuentes que lles expoñen os pacientes antes de recibir a inxección?

As principais dúbidas foron sempre as contraindicacións por alerxias, embarazo e ter pasado o COVID,aínda que foron a menos conforme se van actualizando as recomendacións en base a evidencia para estes casos concretos.

Notan aos galegos receptivos coas vacinas?

Si, é máis, teño constancia que hai moitos casos de preocupación porque non ven que lles dea chegado, polo que me gustaría facer un chamamento á calma, porque todos imos a ser vacinados.

Aos cidadáns que aínda poidan ter reparos ou dúbidas á hora de vacinarse, que lles diría?

Que se informen nas fontes fiables, porque nas redes pode escribir ou falar calquera e sen ningún tipo de filtro. Que tomen as decisións coa mellor información, pois do contrario expóñense a poñer en perigo a súa vida e a dos que os rodean. E que os enfermeiros e os médicos de Atención Primaria estamos aí para asesoralos e resolverlle as dúbidas.