O Pleno da Real Academia Galega (RAG) decidirá hoxe quen protagonizará o Día das Letras Galegas do próximo ano. Será nunha sesión ordinaria na que se someterán a votación as tres candidaturas presentadas nesta ocasión por membros de número da institución: a de Ánxel Casal Gosende (A Coruña, 1895-Teo, 1936), fundador da Editorial Nós, xunto ao poeta granadino Federico García Lorca (1898-1936), autor dos Seis poemas galegos publicados no devandito selo; a de Florencio Delgado Gurriarán (O Barco de Valdeorras, 1903-Fair Oaks, Estados Unidos, 1987), escritor, editor literario e activista político e cultural fundamental do exilio galego en México; e a protagonizada por Fiz Vergara Vilariño (Samos, 1952-Lugo, 1997), poeta singular, narrador e dramaturgo.

O Regulamento de Réxime Interno da Real Academia Galega establece que na primeira xuntanza despois do 17 de maio, Día das Letras Galegas, o Plenario debe elixir a personalidade literaria a quen se lle dedicará esta conmemoración no ano vindeiro.

A normativa indica que esta debe ser “autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe”. É ademais requisito indispensable que pasasen dez anos desde a súa morte e que a candidatura estea avalada cando menos por tres membros de número da Academia.

Os académicos e académicas de número da RAG reuniranse ao longo desta mañá na sede da institución, na rúa Tabernas da Cidade Vella da Coruña. Ao termo da sesión plenaria, está previsto que o presidente, Víctor F. Freixanes, comunique o resultado da votación sobre o Día das Letras Galegas de 2022.