Membro da axencia Magnum, atopou na fotografía a súa maneira de expresarse, de mirar cara ao mundo dunha maneira diferente. Lúa Ribeira (As Pontes, 1986) contou a súa historia e amosou a súa obra onte no Ágora, nunha masterclass da programación do premio Luis Ksado que organiza a Deputación.

Como foi a traxectoria ata ser a terceira fotógrafa española en formar parte da axencia Magnum Photos?

Foi bastante solitario, buscando unha maneira de contar moi persoal. Traballando dunha maneira moi instintiva e intuitiva, e despois dando forma e tratando de entender o que un vai facendo, e non ao revés.

Era un soño de sempre?

Non. Eu estudei fotoarte e entrei en documental na mesma escola porque me parecía que os profesores eran mellores e había algo máis serio no curso. Pero non polo interese no documental. Nunca xamais me imaxinei en Magnum, non entraba nos meus plans. Cando se me deu a oportunidade de amosar o traballo alí, tardei bastante en reaccionar.Despois callou, pero nunca foi un soño.

Que portas abre?

Moitas. Desde estar aquí hoxe. Non soamente polos traballos que consegue a axencia, senón tamén ese estatus que che da, que outros sitios te chamen. Eu antes aquí en España ou en Galicia non conseguía traballos, si que me teño presentado a concursos, pero a través da axencia colles unha etiqueta de calidade.

Como entrou no mundo da fotografía?

Eu estudaba Deseño Gráfico en Barcelona e tivemos unha materia de fotografía, a típica optativa non moi importante. Estaba un pouco frustrada co deseño e canalicei moita enerxía coa fotografía. O deseño requiría moito tempo de estar no ordenador, sentada, un proceso moi cerrado, e a fotografía de repente obrigábache a enfrontarte aí fóra e saír. Foi un momento de moita adrenalina, de dicir “aquí hai algo que me interesa moitísimo”. Uns anos despois, decidín estudar, mentres fotografaba. De feito, o proxecto que fixen alí en Barcelona, sen saber como fotografar, está moi relacionado e conectado co que sigo facendo.

Que lle inspira?

A vida.

En ocasións fotografa minorías. É unha forma de darlles voz?

Si, pero non. Penso que ao final, aínda que os contextos se marcan desa maneira, as fotos non contan tanto. É só buscar maneiras propias ou diferentes de contar as mesmas historias. As historias seguen sendo as mesmas desde a mitoloxía grega, o que cambia é a maneira de contalas. Eu busco maneiras novas de mirar.

Sempre cheas de cor.

Si. Só traballo en cor. Gústame moito que as fotos parezan un cachiño da realidade, que non haxa distorsión. Aínda que nos traballos doutros poida velo e me interese, no meu quero esa nitidez coa que miramos.

Atopou nalgún dos seus traballos algo inesperado, que lle sorprendese?

En todos. Nunca sabes. Se non fose así case nin o faría. Deixo que a experiencia transforme o traballo e me transforme a min. É despois desa transformación cando acabo o traballo. Nunca vou cunha idea moi predeterminada. Deixo que as relacións coa xente me leven. Tamén é un proceso colaborativo.

Busca conexións?

Si. Paso moitos períodos de tempo sen fotografar, compartindo, estando... Como algo inevitable, non planificado.

Como foi o proceso de creación de Noises in the blood, o seu libro?

Foi un libro moi prematuro, que fixen como una especie de catálogo para unha exposición pequena que fixen. Como levo cinco ou seis anos sen publicar, creo que a xente se agarra a iso. Xa estou preparando o novo libro, que abrangue o período desde 2015 ata hoxe. Necesitei ese tempo para reflexionar, entender o que estaba facendo e maduralo.

Para aquela obra inspirouse no ritual xamaicano contemporáneo.

Pero non hai ningún ritual particular, o ritual son eu coa xente que fotografei. Experimentando, facendo algunha foto que non fose só observar as festas. O que ves non pertence nin intenta traducir ningún tipo de ritual, é moito máis un xogo que xorde porque eu chego alí. Hai algo de contexto, na maneira de vestir por exemplo, pero é máis o intercambio de traballar xuntos nunha foto e propoñer cousas. A foto é unha construción moi real, porque fala desa experiencia, pero non define un ritual concreto.

As viaxes son parte obrigatoria do seu proceso creativo?

Non, pero coñecer outros mundos si. O meu traballo trata as separacións estruturais nas que nos movemos. Recorremos uns circuítos moi marcados socialmente. Vai un pouco de saír de aí e coller a persoa que tes ao carón coa que nunca falarías. Un acercamento máis primitivo, que de aí saia algo. Tamén para cuestionar esas separacións coas que vivimos, eses prexuízos. É a procura de romper con iso.

É curioso. Nun mundo tan global e aberto, semella máis difícil mirar cara outros.

É moi raro. Coma se estivésemos máis para dentro. Pero non require de viaxar tanto senón que pode ser o veciño do lado. É cuestión de saír do teu mundo. Si que é certo que coa axencia, hai proxectos cos que teño que viaxar e son benvidos. Eu ao principio era máis escéptica, pero atopei a maneira de facelo.

Que achega Reino Unido, a súa segunda casa, ao seu traballo?

Eu estudei alí fotografía. Son estudos superiores, aquí non. Está organizado doutra maneira, máis cara á industria creativa que teñen eles. Que é moi potente e aquí case inexistente.

E Galicia, que sitio ocupa?

É todo. Penso que todo nace de aquí, que a mirada e a enerxía veñen de aquí.

Preocúpalle o intrusismo?

Non. Penso que o traballo que é bo ten unha profundidade, un esforzo. Pode facelo calquera que faga ese sacrificio. Iso vese no traballo. Cousas moi boas e cousas moi mediocres poden xurdir de calquera sitio. Se tes uns estudos superiores significa que hai unha seriedade en canto a como se percibe ese campo.

Moitos falan de vostede como unha fotógrafa moderna, identifícase con iso?

Dáme igual. Non poño etiquetas. De feito, vexo o meu traballo moi clásico. Dunha maneira un pouco estraña, pero clásica.

Cales son os seus retos futuros?

Seguir traballando, que as cousas de encargos non me distraian do meu traballo persoal, que é o que me interesa desenvolver. Quero seguir tendo a mesma enerxía e forza para producir un traballo persoal que non se fai para ninguén.