O bautismo da Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega (Alingua) celebrouse onte en Santiago de Compostela. No nacemento participan un total de 18 concellos: A Coruña, A Baña, Ames, Betanzos, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa. Entre todos pretenden desenvolver proxectos conxuntos no ámbito da normalización do idioma.

Alingua darase ademáis a coñecer cunha campaña de difusión con contidos promocionais nos medios e nas redes, como sorteos nos restaurantes do Grupo Nove. E na entidade están implicadas personalidades comos actores Mela Casal e Xosé A. Touriñán, o xornalista Gonzo, a artesá Elena Ferro ou a bailarina Ánxela Blanco.

O obxectivo pasa por “proxectar o galego con fachenda, poñer o noso idioma no mundo” e converter Alingua “nunha organización de referencia no traballo colaborativo en normalización lingüística”.