La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Xurxo Souto Músico, escritor e axitador social

“O ritual máis fermoso é compartir un bo viño e amistade cantando nunha taberna”

“A Coruña e Vigo son a mesma cidade, eu mando apertas tanto coruñesas como vigorentas”

Xurxo Souto na súa actual xira literaria. | // XURXO SOUTO

A Coruña non se entende sin Xurxo Souto. O cantante, acordeonista, locutor e escritor celebra os seus 20 anos no mundo da literatura. Home de mar, pegado á terra. De pequeno caeu na marmita da creatividade. Tan cheo de vida como o Atlántico que golpea o Orzán

.Cumpre 20 anos na literatura, 31 na música, 36 na radio... A súa vida dá moito de si.

Como pasa o tempo! A vida é marabillosa! Só temos unha, non sabemos de onde vimos nin a onde imos... pero sabemos que hai un mundo fascinante. Acontecen feitos moi malos pero podemos vivir emocións moi lindas, e o máis fermoso é comunicalo.

A súa paixón é comunicar?

A comunicación é unha das vivencias máis importantes do ser humano. E na literatura comunico acontecementos que me sucederon a través da música, que me permitiu viaxar polo mundo. É o que máis me gusta, a través de esa curiosidade... principiando por A Coruña que é un universo. Eu nacín nunha cidade barco pero ninguén me falou do mar. Subín á Torre e non sabía o nome das pedras, ata que o percebeiro Lucho Mariñas explicou como grande mestre os nomes: Coitelos de Pedra, o Xogadoiro, o Boi, a Vaca... A obriga para ser feliz é coñecer o entorno, falar cos veciños.

Celebra o aniversario na literatura cunha xira polos lugares que coñeceu a través dos libros.

Xa estiven na fascinante Romaría dos Galegos en Lisboa, a xira tamén pasou por A Coruña (que volverei), Lugo, O Barqueiro... Este sábado en Santiago, despois Outeiro de Rei, Arteixo, Ourense... Non é a celebración da miña obra, senón das persoas marabillosas e os lugares que coñecín. É unha xira humilde onde me chaman os amigos.

E a xente sempre foi xenerosa por onde pasou.

Vivimos nun pobo de artistas cheos de talento, de persoas que desexan compartilo. Cando preguntas, xorden tesouros. Eu quero reivindicar a Finita Gay, a primeira muller das Mariñas que subiu ao palco dunha orquestra e que triunfou. Era a ídola da miña avoa, triunfou en América e triunfou no seu retorno. En Galicia montou un café concerto chamado A Martela. Ela dicía: “Eu son dúas persoas,como empresaria durísima e como artista marabillosa”. Finita merecía un musical pero é descoñecida, motívame ser o transmisor deste talento.

Vostede recupera ese espíritu dos galegos cantando nas tabernas, que se recorda agora na última biografía sobre Suso Vaamonde.

As galegas e os galegos somos un pobo de artistas, levamos a música por todas partes. Só hai que ver o boom das Tanxugueiras. As únicas artistas que fan xiras internacionais son as que cantan en galego: Mercedes Peón, Luar na Lubre, Tanxugueiras... Vaamonde foi un gran pioneiro e produtor dun grupo de referencia como A Roda, a partir duns amigos nunha taberna. É extraordinario que un pobo tan pequeno produza estos artistas. O ritual máis fermoso é compartir un bo viño e amistade cantando nunha taberna.

E sempre o océano de protagonista, por exemplo con eses Contos do mar de Irlanda.

A Coruña é unha cidade marabillosa pero punkie na que pasaron os efectos especiais máis alucinantes: cando tiña 10 anos caeron pingas de chuvia negra do petroleiro Urkiola, vimos arder o mar do Mar Exeo con Paco Vázquez e o seu “tranquilos coruñeses, que o fume vai para Ferrol”, o Prestige coa morte dun oceáno e o antídoto da dignidade das persoas que recolleron chapapote...

Leva 20 anos reivindicando que Vigo e A Coruña son o mesmo. Tan lonxe, tan cerca?

Nacín na Coruña pero ninguén me falaba do mar, a maior parte dos familiares veñen das aldeas de Galicia. E había unha cidade no sur que nos tiña que caer mal, cando Vigo é igual que A Coruña: feita con familias obreiras que veñen do interior. Hai un negociode localismo para manter o estatus de cada cidade. Pero eu mando tanto unha aperta coruñesa como vigoresa. Vigo e A Coruña son a mesma cidade. Non deberíamos formar unha periferia, senón ser o centro do mar.

“Como Manuel María, quero coñecer toda Galicia: casa por casa, persoa por persoa”

A súa obra amosa que os galegos teñen espíritu viaxeiro.

Emigramos por marxinación económica, pois todo o mundo querría realizarse na súa casa. O feito de nacer diante dun camiño inmenso como o mar invita a descubrir máis alá. Florencio Delgado Gurriarán di que o noso gran río non é o Miño, senón a Corrente doGolfo que cruza o Atlántico. Galicia é como un mar que se extende por todos os océanos.

Todos os mariñeiros saben onde queda capetón en relación a Cape Town (Sudáfrica), ou falan dos bares de castetón por Castletown (Irlanda). Hai unha Galicia paralela por todos os océanos. Nesta xira comparte ademáis as historias de Pangalaica e O Retorno dos Homes Mariños.

É un reencontro con amigos que fixen da miña experiencia de descubrir lugares. De momento, xa estiven en Lugo, O Barqueiro, Lisboa... irei por Arteixo, Ourense. Procuro compartir experiencias e lanzar unha aperta coruñesa de amor, e acabamos cantando Orzán.

Ademáis de artista, vostede é activista (contra as guerras, pola memoria histórica).

Trátase dunha cuestión solidaria, din que a realidade é moi pequena pero descubres que é moito máis interesante. E hai que defendela, porque as cousas boas dan alegrías e hai que respectalas. Onde me chaman, alí estou. Dirán que estou por todas partes, pero prefiro estar a faltar.

Considérase un home do Renacemento na Galicia do século XXI?

Non me podo considerar un home do Renacemento, senón un aprendiz do discurso do Renacemento. Considero que todas as artes están vencelladas. E son discípulo de homes contemporáneos como Manuel María, que tiña ese espíritu renacentista e pasou os seus últimos anos en A Coruña. Eu quero facer o mesmo que Manuel María, que tiña a esperanza de coñecer toda Galicia: casa por casa, persoa por persoa, lugar a lugar. O único xeito de ser cidadán da vida é coñecer ese mundo, todo o demáis é ser provinciano.

“A Coruña tamén é obreira e humilde, non só pija”

Que aporta A Coruña ao seu universo literario?

A Coruña é todo. É un universo do que se coñece só a parte terrícola, e iso que está rodeada polo mar. Subes á Torre e cada anaco de auga ten un nome. A Coruña non é periferia, é o centro do mar: ao norte Irlanda, ao oeste Nova York. Hai un tópico de que A Coruña é unha cidade moi pija e só fala castelán, pero tamén é moi galega, obreira, humilde e creativa. É un resume de toda Galicia, a maior parte dos que vivimos aquí viñemos das aldeas. Hai que poner en valor esa relación coa aldea: a xente do Orzán procede da Costa da Morte, a dos Castros de Lugo... A Coruña é un universo que demanda ser coñecido. Mesmo fíxenlle un bolero a Orzán: unha palabra perfecta, porque coinciden significante e significado. A letra O como a baía, a R como as ondas, o estoupido na Z. Orzán é un símbolo da praia acolledora da miña infancia e tamén do mar maior de alén, é a miña palabra favorita de A Coruña. Orzán é misterio e escuridade, símbolo de que antes tíñamos unha praia marabillosa no centro e agora un recheo de grava. Debémoslle un desagravio a Orzán, agardaremos miles de anos.

E Portugal?

Moitas historias. É unha parte da nosa realidade, na que vivimos de costas. Na fronteira, coñecín a historia dun Robin Hood en versión galega. Vivía no século XIX: Tomás das Quingostas. “O pobo non ten, o rico non dá” , dicía el mentras roubaba aos ricos. Descubrín a Romería dos Galegos en Lisboa. Temos o mito dos Homes Mariños, cando no século XVII o deán da catedral de Santiago descubriu no Orzán a unhas persoas con mans tortas por andar no mar. En Lisboa na mesma época hai uns seres parecidos. É a nosa alianza atlántica con Portugal.

Compartir el artículo

stats