La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Chega un xinete libre e salvaxe chamado Ferrol

A poesía regresa venres e sábado coa Palabra Encarnada

Aldaolado (María Lado e Lucía Aldao), nunha das Salvaxes. | // P. SALVAXE

En vermello sobre metal. Así escribe Ferrol a súa historia recente, mentras galopa cara a un futuro incerto. A cidade metálica sempre narrou a súa loita en versos. Como aquel Poema de urxencia para dous asasinatos de Manuel María ante as mortes de Amador Rey e Daniel Niebla en 1972. Ou cando Uxío Novoneyra cantou: Erguéstevos cedo aquel día / o costume do traballo / mañá cediño pra facernos ca vosa morte.E entre estaleiros continúa a batalla poética cunha Semana da Poesía Salvaxe, que xa cumpre 15 anos e agora ofrece o lema A Palabra Encarnada. Os seus organizadores, os poetas Guillermo Ferrández e Karlotti, preparan para estes venres e sábado o asalto de bares, rúas, prazas, quioscos da música, e mesmo unha lancha que cruzará a ría para sementar Ferrol de rimas.

Guillermo Ferrández e Karlotti (dereita), nun dos concertos. | // P. SALVAXE

“Mantemos o espíritu de hai 15 anos, de momento non temos a financiación do concello (ao contrario que outros anos) pero poetas de toda España e Portugal quixeron estar aquí contra vento e marea”, explica Karlotti. “Moitas cidades como Valladolid ou Oviedo decidiron continuar a nosa proposta de usar a lírica como reclamo, nunha cita underground de fraternidade”, indican os organizadores. Defenden que “non debemos tirar pola borda este proxecto de osíxeno cultural nunha cidade xa continuamente castigada”. E recordan que “en pasadas edicións logramos encher o teatro Jofre con cinco poetas, pasaron Paco Ibáñez e Luis Pastor... xa temos máis de 160 poetas no historial”.

Víctor M. Díez na lancha de Mugardos | // POESÍA SALVAXE

O xinete libre e salvaxe chamado Ferrol conmemorará precisamente este ano o 50 aniversario dos feitos de 1972 (a represión franquista dunha manifestación do naval que rematou cos asasinatos de Amador e Daniel). Este venres ás 17.30 da tarde no quiosco da música do Cantón, lanzarase poesía de combate de Celso Emilio Ferreiro, Goytisolo, Méndez Ferrín, Blas de Otero... O recitado, tamén adicado ao 48 aniversario da Revolución dos Caraveis, contará co Colectivo Moraima, Quico Cadaval, Xosé M. Álvarez Cáccamo, Víctor M. Díez, Manolo Bacalhau, Eugenia Sanmartín, Helga Méndez, Itha K...

Unha hora despois no Ateneo Ferrolán, haberá presentación de libros con María Lado e Lucía Aldao (Aldaolado), Carlos Santiago e Sol Mariño. E pola noite ás 22.30, chegará a homenaxe dadaísta a Cabaret Voltaire (fundado o 5 de febreiro de 1916 en Zúrich pola parella Hugo Ball e Emmy Hennings), no Manchita Cosa con Itha K., Suso Eiroa, Carlos Santiago e Sol Mariño.

A palabra sen lei continuará o sábado no centro cívico de Canido (a súa asociación veciñal apoia esta nova edición), con Safo, Víctor M. Díez, Olaia Pazos e de novo Sol Mariño. Tras un xantar de confraternización, tomarase a lancha de Mugardos co proxecto Mareando Versos adicado á actriz e inventora Hedy Lamarr: “Unha das máis raras belezas do occidente cristiano”. A cita rematará ás 20.00 horas no Cuerda Floja cun (palabras textuais) “espectáculo daltónico”.

Entre os bardos deste certame figuraron no pasado Premios Nacionais de Poesía e mitos como Carlos Oroza. Todos na búsqueda da gloriosa historia cultural de Ferrol. Todos en eterna celebración “das súas adorables derrotas”.

Compartir el artículo

stats