A catedrática de Historia da Arte Ana E. Goy Diz (Lugo, 1966) xa é desde este sábado membro da Real Academia Galega de Belas Artes. Entra na RAGBA como académica numeraria da Sección de Expertos nas Artes, a través dun discurso titulado Ribeira Sacra: a construción dunha paisaxe cultural. O acto celebrouse na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da Universidade de Santiago (USC), e estivo presidido polo presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo.

“Esta academia sinte que a súa voz e o seu traballo serán de grande importancia no noso futuro académico”, daba así a benvida Quintana Martelo á nova académica, que xa fora elixida en 2015 académica correspondente. O presidente destacou os méritos da nova académica que a fan “merecedora de pasar a formar parte do noso plenario, xa que a súa aportación e a súa xenerosidade co traballo serán de alta estima”.

No inicio do seu discurso, Ana Goy agradeceu á Academia a “enorme honra” de unirse a esta prestixiosa institución. E recordou que o profesor Colmenero desde a súa chegada a Lugo hai máis de vinte anos estivo sempre ao seu lado “exercendo un maxisterio valiosísimo e demostrando unha gran xenerosidade intelectual e unha extraordinaria calidade humana”. Desde a fundación desta RAGBA fai 173 anos, Goy Diz sinalou que tan só dez mulleres a precederon como académicas de número, fronte aos 178 homes académicos, supoñendo soamente un 5,3% do total de membros. “Non é unha loita de xénero, senón unha procura da igualdade e do papel da muller na sociedade”, indicou.