Desde este venres ata o domingo, o Fisterra Blues Experience xuntará a 11 artistas na súa sexta edición coa paisaxe da Costa da Morte de fondo. No escenario principal do campo de fútbol Ara Solís xa actuarán o venres Guadi Galego, JP Bimeni&The Black Belts, e Adrián Costa Blues Band. E o sábado pola noite será o turno dos lendarios Los Ilegales, Al Dual e De Vacas.

A maiores, as viaxes en barco en colaboración con Cruceros Fisterra están acompañadas polas actuacións da Fisterra House Band feat. Degüello pola tarde do sábado, e por Tato&Espiño o domingo pola mañá.

Máis escenarios: a terraza do Semáforo de Fisterra, outro colaborador local, celebrará a festa final coa jam session “que reúne a artistas deste FiBE 22 co Atlántico como pano de fondo”.

Entre os obxectivos deste proxecto que chega á súa sexta edición figuran a proxección internacional da Costa da Morte, a interacción entre cultura e natureza, ou a potenciación do talento local xunto con artistas internacionais.