La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Mil anos dunha Galicia diversa

O Consello da Cultura Galega celebra o Mes do Orgullo coa exposición itinerante ‘Sen Cancelas’ polos institutos, e un mapa sobre identidades sexuais

Ernesto Foliers, transformista e imitador de estrelas Consello da Cultura Galega

Nunha casiña ao lado da igrexa de Santa María de Ordes (concello ourensán de Rairiz de Veiga) vivían Pedro Díaz e Muño Vandilaz: un dos primeiros matrimonios homosexuais de Europa. Casaron nesa capela o 16 de abril de 1061, co oficio do propio párroco. Case mil anos despois, Galicia celebra o Mes do Orgullo con centos de actividades como as que organiza o Consello da Cultura Galega. Como indica nunha conversa con este diario Carme Adán, coordinadora da Sección do Pensamento do Consello e do comité asesor da mostra Sen Cancelas, “cando casaron dous homes no século XI non había un nome para falar da súa identidade, non existía o concepto de LGBT por iso nos gusta falar de identidades e diversidades sexuais... historias de xente que vivía fóra da norma”.

Eduardo Blanco-Amor, referente do Orgullo galego. //La Opinión EDUARDO BLANCO AMOR

Sen Cancelas, inaugurada este luns no IES Rosalía de Castro (Santiago), viaxará polos institutos galegos adicada á mocidade para achegar as identidades sexuais a través de fitos históricos e referentes. Tamén pode consultarse na web do Consello. Ademáis, o Foro Identidades e Disidencias Sexuais, presentado o 6 de xuño, elaborará un mapa durante todo un ano para facer un informe da situación nun proxecto pioneiro. E o luns 20 celebrarase a xornada Pensar con orgullo, co encontro Corpos en Rebeldía que dá voces ás distintas reflexións.

Marta Lois, Susana López Abella, María Jesús Lorenzana, Rosario Álvarez, E. Latorre, Carme Adán, Daniela Ferrández Consello da Cultura Galega

A filósofa e ensaísta Carme Adán explica que “o obxectivo é dar a coñecer a memoria das persoas diversas, poñer o foco na diversidade afectiva-sexual”. A exposición conceptual Sen Cancelas busca a interactividade cos alumnos, “que poderán identificarse segundo a súa raza, xénero, identidade sexual... para comprender que todos somos diversos e que non pode estar penalizado como noutros países (onde mesmo hai pena de morte)”.

Laura Bugalho, unha das protagonistas da mostra. | // RAFA VÁZQUEZ

Indica Adán que a mostra viaxa precisamente “pola diversidade do mundo e de Galicia, desde ese matrimonio do século XI ata a actualidade”. E amosa “os camiños de volta como no Berlín que pasou da gran diversidade da década dos 20 ao nazismo que tumbou todo, ou a Galicia desde o franquismo á primeira manifestación do Orgullo en 1981 en Vigo, ou a lei galega de 2014”.

Polos paneis pasan Elisa e Marcela, Eduardo Blanco-Amor, Laura Bugalho, Ernesto Foliers (primeiro transformista e imitador de estrelas español): “Os comisarios Daniela Ferrández e Enrique Latorre axudan a coñecer o pasado e proxectarnos ao futuro nunha mostra pioneira”.

“Coñeceremos ás mulleres e homes que nos abriron camiño”

Sen Cancelas poderá verse ata o 30 de xuño no IES Rosalía de Castro, e despois pasará por outros institutos galegos. Pero xa pode consultarse permanentemente na web do Consello da Cultura desde este luns. Mentras tanto continúa traballando o Foro Identidades e Disidencias Sexuais nun proxecto pioneiro que rematará no Mes do Orgullo de 2023 cun informe.

“Tamén é pioneira Sen Cancelas, comisariada por Daniela Ferrández e Enrique Latorre: temos a sorte do último libro de Ferrández (A defunción dos sexos) para facer memoria da diversidade en Galicia”, salienta Carme Adán. E apunta que “a sociedade é a que coloca as etiquetas, para nós importan as identidades e como chegamos aos dereitos”. A mostra, cun buzón de suxerencias para alumnos, axudará nos institutos a “coñecer a memoria das mulleres e homes que nos abriron o camiño, cunha loita detrás por uns dereitos que non foron regalados”. Adán aposta por incluír esta materia “dun xeito transversal no ensino”.

Compartir el artículo

stats