A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou no Pazo de San Roque de Santiago o acto de entrega dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas e o Premio RAGC de Divulgación Científica 2022 convocados coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta. A vicepresidenta da RAGC, Alicia Estévez, felicitou aos premiados e afirmou: “A RAGC considera que a ciencia e a tecnoloxía teñen un papel determinante e indiscutible no desenvolvemento económico e benestar social dun país, polo que comunicar os achados e as súas aplicacións á sociedade é una prioridade”.

Os Premios á Transferencia de Teconoloxía en Galicia comprenden tres categorías, premiadas con 6.000 euros cada unha. O “Francisco Guitián Ojea” a un traballo de investigación aplicada recaeu no proxecto PolyDeep: Sistema inteligente de detección y clasificación en tiempo real de lesiones colorrectales mediante Deep Learning da Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo, liderado por Daniel González e Miguel Reboiro. “Nos axudará a continuar con máis folgos neste proxecto”, dixo Reboiro. O equipo baseouse na intelixencia artificial para desenvolver un sistema de apoio que busca mellorar a detección e diagnóstico de pólipos colorrectais en tempo real durante as colonoscopias.

O Premio Fernando Calvet Prats a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía dun grupo de investigación foi para o proxecto “Ligandos fluorescentes como alternativa al uso de la radioactividad en la industria farmacéutica” do grupo de Descubrimento e Síntese de Fármacos do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) e da Facultade de Farmacia da USC; integrado por Eddy Sotelo, Javier Sardina, Mabel Loza e José Brea, impulsores da empresa Celtarys Research. A firma explota unha novidosa tecnoloxía para o desenvolvemento de ferramentas fluorescentes para a industria farmacéutica como alternativa ao uso da radioactividade nas fases temperás de descubrimento de fármacos. “Es una satisfacción que nuestros resultados científicos puedan traspasar el laboratorio y llegar a otras universidades, empresas biotecnológicas y farmacéuticas en forma de productos de alto valor añadido, promoviendo el uso de métodos respetuosos con el medio ambiente y contribuyendo a acelerar el descubrimiento de fármacos”, destacou Eddy Sotelo.

O Premio Ricardo Bescansa Martínez a un caso de éxito de implantación de tecnoloxía transferida foi para a posta en marcha da spin-off BFlow S.L., froito da colaboración entre grupos de investigación das facultades de Óptica e Física da USC e a Fundación de Investigacións Sanitarias de Santiago (FIDIS) para optimizar o proceso de descubrimento de moléculas e fármacos grazas á aplicación da tecnoloxía microfluídica máis avanzada.

O Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas foi para a reportaxe Costa inundable, da xornalista Teresa Abuín Tubío emitida na Crtvg. Ademais, o xurado outorgou un accésit a reportaxe A ameaza de macrogranxas na Limia, de Mar Álvarez Rama. O Premio RAGC de Divulgación Científica 2022 foi para o químico Manuel Luis Casalderrey García (A Coruña, 1941) pola sua traxectoria.