La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Léocho?: viaxe á gran literatura galega

Este venres sae á luz a primeira editorial de audiolibros en galego, con dez obras de oito grandes autores do Rexurdimento: coa tríada Rosalía, Curros e Pondal

Ramón Romero Nogueira, en plena gravación dun dos audiolibros. | // LÉOCHO?

Como case todo no mundo actual, o seguinte soño empezou no confinamento. Os pechados durmían co runrún da radio... e tamén dos podcasts que levaban a outros mundos, máis lonxanos, sempre mellores. O xornalista Ramón Romero Nogueira, adicado á locución e á dobraxe, comprobou entón que non existía un catálogo de audiolibros en galego. E decidiu crear unha empresa pioneira: Léocho?, con base en Santiago de Compostela e coa axuda da súa compañeira, a filóloga galega Silvia Fernández Chaves. Este venres sairán á luz os primeiros audiolibros, a partir de autores do Rexurdimento “como a tríada de Rosalía, Curros e Pondal”, pero tamén outros menos coñecidos.

Xogo lanzado por Léocho? nas redes. | // LÉOCHO? patricia hermida

“O proxecto naceu no confinamento do 2020 como a maioría das ideas da década... nós somos grandes consumidores de audiolibros pero ningunha empresa os traballaba en galego”, indica Ramón. Cunha traxectoria de locutor autónomo, ademáis de libreiro durante un tempo da súa vida e devoto da literatura galega, adicou dous anos de preparación a Léocho?: “Co teletraballo, vimos que desde o noso fogar no barrio de Vista Alegre podíamos chegar a calquera parte do mundo con menos medios que as multinacionais”. Empezaron a montar as publicacións desde o ordenador, “e tiramos para adiante porque a calidade era boa e había moitas gañas”.

Desde este 8 de xullo, estarán dispoñibles os dez primeiros audiolibros en galego con oito autores (todos do Rexurdimento): A tecedeira de Bonaval de Antonio López Ferreiro, Aires da miña terra e O divino sainete de Curros Enríquez, Cantares gallegos e Follas Novas de Rosalía de Castro, o Catecismo do labrego de Valentín Lamas Carvajal, Follatos de Filomena Dato Muruais, Maxina ou a filla espúrea de Marcial Valladares, Proel/O Galo de Luis Amado Carballo (obras póstumas dun poeta que morreu con 26 anos de tuberculose) e os Queixumes dos pinos de Eduardo Pondal.

O obxectivo de Léocho? pasa por “dar todo a ese lector que quería tamén escoitar audiolibros en galegos, un pedazo de cultura para estar na praia, conducir, ou traballar cos cascos”. E de paso “democratizamos a literatura do Rexurdimento, as suas marabillas”.

Quen é quen nas seguintes fotografías?

A modo de petisco, Léocho? xa creou unha campaña nas redes sociais “na que invitamos a adiviñar os nomes dos protagonistas dos primeiros lanzamentos”. Os interesados poderán mergullarse así en fotos do século XIX ou os principios do XX para identificar a Filomena Dato Muruais ou ao novísimo Luis Amado Carballo. Ramón Romero Nogueira destaca a importancia de mulleres como “Dato Muruais, que ten poemas moi bos e revolucionarios, unha adiantada no feminismo e que está un pouco esquecida... por non falar de Rosalía que é a deusa da nosa literatura”.

O propio Ramón encárgase dos traballos de locución desde casa: “Seleccionamos o texto que queremos facer, e gravamos cos medios dun ordenador, a tablet, o micrófono e a tarxeta de son... con entonacións diferentes segundo sexa novela, poesía ou tipo de personaxe”. No proxecto contou ademáis co apoio de pais, irmán e amistades. Deixa claro que “os prezos son asequibles como os dun libro de tapa branda”. O usuario poderá “subir os libros que merca no carriño da compra, ou tamén rexistrarse na web para facer seguemento do seu historial”.

Despois do lanzamento deste venres, o catálogo continuará aumentando con novas obras de Lamas Carbajal ou López Ferreiro (como O castelo de Pambre). “Queremos chegar aos contemporáneos ou mesmo dar audiolibros dos autores máis actuais, pero de momento continuaremos co Rexurdimento para que sexa máis coñecido entre o público xuvenil”, indica o impulsor desta iniciativa. Ata este venres a campaña continuará nas redes sociais como Facebook, Instagram e Twitter.

Compartir el artículo

stats