La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Trinta retratos de noite e néboa do Marzo de 1972

O fotoxornalista Xurxo Lobato inmortaliza aos heroes do Día da Clase Obreira Galega

Retrato de Rafa Pillado por Xurxo Lobato César Galdo

No 10 de marzo de 1972, a policía franquista asasinaba a dous traballadores do naval en Ferrol. Disparos lanzados contra a clase obreira, disparos como últimas poutadas da ditadura. Disparos transformados nunha maior resistencia de Galicia, nunha loita constante pola democracia. Dous días despois, a profesora Ánxeles Penas entraba na súa clase do Instituto de Monelos (A Coruña) e explicaba o acontecido aos seus alumnos. Entre eles atopábase un Xurxo Lobato de 16 anos: “Rachábase o manto de silencio e terxiversación sobre os feitos do Dez de Marzo, onde os titulares da prensa afirmaban que a policía disparara pola provocación dos obreiros... e as palabras da profesora avivaron aínda máis a miña conciencia democrática”.

Encarna Puentes, no retrato de Xurxo Lobato César Galdo / Entremedias

Medio século despois daquel día de sangue inmortalizado no poema de Uxío Novoneyra, os sobrevivintes colocáronse ante o obxectivo de Lobato para protagonizar a súa mostra Rostros da Memoria. Ferrol 1972. A través de 30 retratos de noite e néboa, aparecen os protagonistas do xa chamado Día da Clase Obreira Galega que quedan vivos: Rafael Pillado, Sari Alabau, Fina Varela, Fina Piñón, Encarna Puentes, Alfonso Tellado, Francisco Rodríguez, Suso Díaz, Torregrosa... Nestra mostra financiada pola Mancomunidade de Ferrol e que pasará polos nove concellos da ría, Lobato quixo “transmitir na expresión facial o drama dunha xente que viviu a represión, a tortura, as multas, a prisión”. E lanzoulles a indicación: “Pensade en Marzo de 1972”.

Os heroes do Marzo de 1972, xunto co fotógrafo Xurxo Lobato, no centro, e o alcalde de Fene entre a exposición. | // CÉSAR GALDO César Galdo

Rafael Pillado, artífice deste proxecto con Lobato a través de Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática, repasou a súa vida en cinco segundos: “Eu non era unha persoa que pasaba por alí, en 1966 fun elexido xurado de empresa no estaleiro de Ferrol, participei nas protestas previas de Pysbe e a Peninsular Maderera, logramos que a xente de obras civís se quedase en Bazán a través dunha manifestación de 8.000 persoas para evitar que se subcontratasen empresas vinculadas a Franco... ata chegar a 1972”. Alma das CCOO da época e do Partido Comunista en Galicia, recorda que “o réxime intentou varrernos a todos como recoñeceu o capitán da policía en Barcelona, e atopouse con esa protesta pola mellora do convenio do naval que acabou cos asasinatos de Amador Rey e Daniel Niebla”.

Todas esas vivencias aparecen no rostro en branco e negro de Pillado ante Lobato: “Saio moi serio na foto porque recordo que empecei a coñecer á miña filla con seis anos, porque cando tiña dous eu entrei no cárcere” (nunha das súas numerosas estadías en prisión como membro do PCE).

De todos modos, os protagonistas recordan aqueles tempos como “un período intenso pero de gran satistacción, con felicidade a pesar das tensións e dos costes familiares... porque entre as detencións e as agresións ías abrindo camiño”. Pillado rememora a “Aneiros, Riobóo, Amor, Filgueiras, Paco Balón... e a gran folga de setembro do 72 en Vigo”.

Os retratos foron ideados por Lobato “dando protagonismo ás caras e eliminando calquera distracción, cun fondo negro”. A fotografía en branco e negro “emprégase para engadir dramatismo neste caso, para que nos centremos na expresión”. O fotoxornalista recorda, por exemplo, “cando quedei con Ignacio Fernández Toxo en Santiago, cando se puxo ante a cámara e lle pedín que pensase no 72 cría que el ía a chorar... el era dos máis novos no Dez de Marzo, un aprendiz dos estaleiros”. Tamén Suso Díaz, pai da vicepresidenta do Goberno Yolanda Díaz, recalcoulle que “houbo xente moi torturada”.

A exposición continúa os Rostros da Memoria xa iniciados en 2007, naquela ocasión cos primeiros represaliados do franquismo “tanto pola súa actividade política como por ser familiares de activistas”. No pasado decembro, Pillado chamou a Lobato para pedirlle unha aportación cultural ao 50 aniversario do Dez de Marzo (como a composición musical de Juan Durán). E o fotoxornalista decidiu sacar adiante estes 30 retratos (sete deles de mulleres). “Fixemos un traballo de investigación para localizalos a todos, e retratalos en fotos de 70 centímetros integradas en paneis de dous metros de altura”, engade Lobato. E logrou o seu obxectivo: “Impactar para chegar ao corazón”.

Unha homenaxe en vida

Segundo Lobato, “quixemos facer unha homenaxe a estas persoas para evitar o descoñecemento da historia”. Homes e mulleres avanzan na exposición itinerante, agora ante o concello de Fene, como se revivisen a manifestación do 72. “A democracia non chegou por unha decisión do rei Juan Carlos senón porque foi conquistada a través da loita social”, explica o autor.

Pillado recorda que en outubro chega a película 10 de Marzo. E continúa a súa batalla co mesotelioma que padece por traballar co amianto no naval: “O 18 de novembro haberá unha homenaxe ás vítimas do amianto, e eu teño o xuízo contra Navantia o 20 de setembro para superar o teito económico que dá a empresa aos afectados”. Cristina Almeida irá de testemuña.

Compartir el artículo

stats