A Xunta de Galicia pon en marcha o novo programa de estadías lingüísticas Spring Week, que se desenvolverá entre o 16 de abril e o 17 de xuño de 2023. A iniciativa vai dirixida a centros docentes públicos, nos que se impartan ensinanzas de 6º curso de Educación Primaria ou de ESO e poderán participar un total de 1.575 alumnos.

O programa desenvolverase nun centro residencial situado en Galicia en réxime de internado e ten como obxectivo a estimulación da práctica oral da lingua inglesa e a súa utilización en contextos comunicativos máis amplos que os que permite a contorna escolar. 

Durante a estadía, que se realizará en quendas semanais de domingo pola tarde ata o sábado seguinte pola mañá, o alumnado contará co apoio de profesorado nativo en lingua inglesa. As actividades fomentarán a convivencia e xirarán arredor de temáticas de interese cultural, social, artístico e medioambiental.

A metodoloxía será activa, lúdica e cooperativa e promoverá aprendizaxes significativas por parte do alumnado, incidindo na educación en valores democráticos e nos aspectos relacionados coa sostibilidade e o coñecemento da contorna (enerxías renovables, produción e consumo responsable, cidades sostibles, acción polo clima...), segundo se recolle nos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.

Este novo programa enmárcase na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras 2030. Dotada con 83 millóns ata 2025, esta liña de acción prioritaria da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades busca consolidar os programas de éxito desenvolvidos na última década e incorpora novas accións para maior especialización en idiomas.

 Haberá nove quendas desde abril a xuño. En cada unha poderán participar un total de 175 alumnos. O prazo de inscrición xa está pechado.