A Cidade da Cultura abre unha mostra de realidade virtual que permite coñecer Galicia como nunca

Ofrece a posibilidade de moverse nun mapa dixital e de voar sobre o Sil ou a Torre de Hércules

A exposición Galiverso pode xa visitarse.   | // XUNTA

A exposición Galiverso pode xa visitarse. | // XUNTA / REDACCIÓN

REDACCIÓN

As persoas que visiten o Museo Centro Gaiás poderán entrar no Galiverso, unha nova exposición de realidade virtual, de maneira libre e gratuíta. Nela, amosan un mapa virtual de Galicia que funciona a modo de menú desde o cal se pode acceder a cada unha delas e seleccionar o idioma —galego, castelán ou inglés— dos textos e audios explicativos que as acompañan.

Pódese contemplar o solpor en Fisterra, as vistas da Coruña desde o cumio da Torre de Hércules ou o canón do Sil desde as alturas. Tamén internarse na cripta do Apóstolo en Santiago de Compostela, nos mosteiros de Santa María a Real de Oseira e de Santo Estevo de Ribas de Sil, na torre de Xiá en San Paio de Narla, no templo romano de Santa Baia de Bóveda ou nunha palloza no Cebreiro, e percorrer a ponte romana de Ourense, a muralla de Lugo ou os tellados da Catedral de Tui.

A sala dispón de tres postos con cadanseu equipo de realidade virtual, que poden operar á vez, aínda que a experiencia de cada visitante será individual. Cada sesión dura uns 20 minutos, durante os cales é posible vivir unha ou varias das doce experiencias que se ofrecen.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou onte na presentación deste novo espazo no Museo Centro Gaiás, no que as persoas visitantes poderán vivir 12 experiencias diferentes de realidade virtual que percorren monumentos, espazos naturais e sitios de gran valor cultural, histórico e turístico das catro provincias galegas.

O Galiverso expandirase no futuro incorporando novas experiencias de realidade virtual vinculadas non só ao patrimonio e ao turismo, senón á ciencia e á experimentación. Así, poderemos somerxernos baixo a auga para explorar os tesouros naturais e históricos das nosas costas, ou ascender ata o espazo para descubrir Galicia desde outra perspectiva.

No Museo Centro Gaiás poderá visitarse de martes a domingo en horario de tarde de 16.00 a 20.00 horas, así como todos os sábados, domingos e festivos (excepto luns), tamén de 11.00 a 14.30 horas.

Suscríbete para seguir leyendo