Fin de ano dourado para Manuel Rivas e Jesús López

O escritor coruñés e o produtor musical ferrolán, distinguidos coa Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes do Ministerio de Cultura

O escritor coruñés Manuel Rivas.   | // IÑAKI OSORIO

O escritor coruñés Manuel Rivas. | // IÑAKI OSORIO / patricia hermida

Burbullas douradas aínda máis intensas para Manuel Rivas e Jesús López neste ano que remata. O Ministerio de Cultura distingue ao escritor coruñés e ao produtor musical ferrolán coa Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes 2022. A lista de premiados inclúe a estes dous galegos, e tamén a outras recoñecidas personalidades como o actor Karra Elejalde, o pintor Augusto Ferrer-Dalmau, o músico Santiago Auserón ou a actriz Carmen Elías.

Jesús López, no centro, con Rudy Pérez e Desmond Child.   | // GIORGIO VIERA

Jesús López, no centro, con Rudy Pérez e Desmond Child. | // GIORGIO VIERA / patricia hermida

Manuel Rivas Barrós (A Coruña, 1957) é destacado polo Ministerio de Cultura como “un dos escritores galegos con maior proxección internacional, membro da Real Academia Galega, e cunha obra que abarca case todos os xéneros literarios e traducida a múltiples idiomas”. Entre os galardóns que recibiu ata agora figuran o Premio da Crítica Española por Un millón de vacas, Premio da Crítica en Galego por En salvaxe compaña, ou o Torrente Ballester e o Premio Nacional de Narrativa polo xa lendario Que me queres, amor?

Tamén escribiu O lapis do carpinteiro (Premio da Crítica Española e Premio da Sección Belga de Amnistía Internacional), ou Os libros arden mal co que obtivo o Premio Nacional da Crítica en Galego e o Premio Libro do Ano.Segundo o Ministerio de Cultura, esta última novela é considerada “como unha das grandes obras da literatura galega”-Ademáis, os seus traballos”foron levados ao cine en varias ocasións”.

Jesús Antonio López Pérez (Ferrol, 1955) é un produtor mjusical “recoñecido internacionalmente, innovador e pioneiro da industria da música latina”. Celebra o Ministerio de Cultura que “durante máis de catro décadas traballou cos artistas máis relevantes da industria latina, identificando talentos e movementos musicais” como a celebérrima Movida Madrileña, Radio Futura, Nacha Pop, Alaska e Dinarama ou Molotov.

Actualmente, o ferrolán é responsable de operacións de Universal Music Group para o mercado mundial de fala hispana e portuguesa. Recordan desde Cultura que Jesús López é o encargado de “éxitos tan importantes” como Macarena de Los Del Río, La camisa negra de Juanes, Bailando de Enrique Iglesias, Mi gente de J. Balvin y Willy William, ou nada menos que Despacito de Luis Fonsi e Daddy Yankee.

A proposta do ministro de Cultura e Deporte, Miquel Iceta, o Consello de Ministros aprobou este martes a concesión das Medallas de Ouro ao Mérito para este 2022 a un total de 33 personalidades e institucións do sector.

Entre o resto dos premiados destacan a Academia de España en Roma, o actor Javier Cámara, a cantante Concha Buika, a cantante María Jiménez, a xornalista Rosana Torres, a montadora Teresa Font, o artista Carlos León, a escritora Rosa Montero, o cantautor Luis Pastor, o desaparecido exministro de Cultura Luis Girao, o director teatral Mario Gas, a conservadora Carmen Muro, o produtor musical Gay Mercader ou o cantante Víctor Manuel.

Suscríbete para seguir leyendo