Galicia, 1983: rápido, máis rápido

Celebramos a noite máis acelerada do ano como manda últimamente a tradición, cos mellores grupos atlánticos de hai corenta anos pero en versión Spotify

Aerolineas Federales

Aerolineas Federales / La Opinión

Galicia: máis grande que o propio mundo. En 1983, A Coruña lambíase as feridas tras perder a capitalidade autonómica. De nada servira a manifestación histórica do verán anterior con máis de 150.000 persoas, nunca tal se vira. Vigo enchía os titulares pola chegada dun pingüino ao zoo. E Ferrol, como non, mobilizábase contra as reconversións. Mentres tanto, grazas a Deus, os máis novos enchían os bares cunha furia musical convertida nunha gran bola de lume que chega ata agora. Porque 40 anos despois en noites como esta, seguimos cantando as mesmas cancións. Nun Spotify improvisado para cruzar o rubicón ata 2023.

Golpes Bajos no II Concurso de Rock Cidade da Coruña.   | // CAMESELLE

Golpes Bajos no II Concurso de Rock Cidade da Coruña. | // CAMESELLE / patricia hermida

Aerolíneas Federales (1981): As nosas Pretty in pink. Se naceran en Estados Unidos, musicarían as festas de graduación das pelis de John Hughes. Como sabré si tendré suerte, como sabré si tendré amor cantaban en Horóscopo (ideal para iniciar o ano). Unha entre tantas pequenas xoias, entre o punk e o pop con Coral Alonso e Rosa Costas de front women. E clásicos definitorios dunha época como Soy una punk.

Siniestro Total nos seus primeiros tempos

Siniestro Total nos seus primeiros tempos / MAGAR

Siniestro Total (1981): Grupo irmán das Aerolíneas, no sentido literal da palabra. Miguel Costas tiña un pé en Siniestro e outro nas Federales, e ademáis era irmán de Rosa. Con formación inaugural a cargo de Julián Hernández, Costas, Germán Coppini e Alberto Torrado, a autobiografía de calquera galego nacido nos 70 pode escribirse con cinco das súas cancións: o grupo máis famoso e multivendas. E ideal para o baile: Te mataré con mis zapatos de claqué, te asfixiaré con mis mallas de ballet. Galicia non se entende sen eles.

Manquiña e Morris, nun programa dos 80 na TVG.   | // LA OPINIÓN

Manquiña e Morris, nun programa dos 80 na TVG. // LA OPINIÓN / patricia hermida

Golpes Bajos (1983): A festa rematou cando en La Edad de Oro, Germán Coppini presentou o seu proxecto con Teo Cardalda en Golpes Bajos... e esqueceuse de comentar que tamén era cantante de Siniestro. Nacerían melodías marabillosas como Cena recalentada, que traumatizarían aos infantes que se sentiron aludidos ao ver o vídeo en La Bola de Cristal. Para danza máis nocturna: Santa Compaña.

Radio Océano (1982): Polo postpunk aínda camiñan os Radio Océano con clásicos ocultos como Rostro pálido (apoloxía Nivea). Nos 80 tiñan a vida máis envexada: xornalistas de día, punks de noite.

Morris e Manquiña: Peiteados en platino ao máis puro estilo Billy Idol, Morris e Manquiña electrificaron a recordada TVG dos 80 grazas a guións de Chichi Campos que falaban de fútbol, sexo, festas e telenovelas. En fin, da vida.

Guitarrazo de Triángulo de amor bizarro

No listado non poderían faltar Os Resentidos, que máis alá de Galicia caníbal (fai un sol de carallo) brindarían outros himnos para Galicia. Un dos máis coñecidos, con interpretacións da televisión da época como a que podemos buscar en A uan ba buluba balám bambú, é Sector naval. Ideal para manifestacións pero tamén para ligar: Mira nena / Son como o sector naval / Hei,hei, resistirei / Hei,hei, resistirei.

Xa no interior, Los Suaves desde Ourense chegaron a ser teloneiros dos Ramones en 1981 e dos Rolling Stones en 1999 (naquel mitísimo concerto en Compostela). As súas vendas en decembro de 2014 xa superaban os dous millóns de discos.

A furia dos 80 vive nos grupos que continúan en activo, e noutros herdeiros que explican o gran misterio do éxito desa década corenta anos despois. Entre eles, Triángulo de Amor Bizarro con guitarrazos como Vigilantes del espejo ou a euforia de todas as festas: Una noche más, una noche más, soy tu hombre, soy tu hombre.

Suscríbete para seguir leyendo