Unha ollada a Murguía dende todos os ángulos

A Fundación Rosalía de Castro presenta hoxe un número da revista ‘Follas Novas’ dedicado ao autor de ‘Los precursores’

Manuel Murguía, nunha imaxe sen datar.

Manuel Murguía, nunha imaxe sen datar. / La Opinión

O local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda no Circo de Artesáns será hoxe ás 19.30 horas o lugar onde se presentará o número sete da revista Follas Novas, editada pola Fundación Rosalía de Castro, que se dedica íntegramente á figura de Manuel Murguía co gallo da celebración do centenario do seu falecemento. Para o director da publicación, Xosé Luís Axeitos, esta iniciativa era obrigada porque a fundación “acubilla a toda a familia” de Rosalía e porque o seu home, Manuel Murguía, “é un personaxe ineludible na cultura galega”.

Diante do que Axeitos considera un “casi clamoroso silencio das institucións e as universidades” sobre Murguía nesta conmemoración, a revista da fundación pretende “abrir un diálogo coa súa obra” e “responder a distintas interrogantes que suscita”. Un dos artigos incluídos neste número foi escrito por Manuel Forcadela e aborda as relacións que estableceu Murguía coa cultura da súa época e o tratamento que lle deu. Xosé Estévez incide pola súa banda sobre a ascendencia vasca de Murguía, da que aínda se descoñecen moitos aspectos, xa que a súa nai morreu separada do seu pai.

A mediados do século XIX a historia non estaba admitida no mundo académico, suliña Axeitos, e Murguía expresou na súa primeira obra —La Primera Luz, de 1859— a súa preocupación polo ensino desta materia, aspecto que trata nun artigo da revista o profesor Narciso de Gabriel, da Universidade da Coruña. Francisco Rodríguez aborda pola súa banda “con gran amplitude e precisión” a concepción da Idade Media por Murguía e as diverxencias con outros historiadores galegos, como Benito Vicetto.

Axeitos salienta ademais os artigos escritos por outros autores —Xurxo Martínez e Xosé Antón Fraga entre eles— nos que se apunta que a obra de Murguía é coral, xa que tiña colaboradores por toda Galicia e fóra dela aos que lles pedía datos e referencias para o seu traballo. A vertente ideolóxica e política tamén aparece reflectida na revista, xa que no 1890 fundou o Partido Rexionalista e foi autor de textos doutrinais como o que presentou nos Xogos Florais de Tui, que é reproducido e comentado na publicación por Pilar García Negro.

Outros dous artigos, de Eliseu Mera e José Luis do Pico Orjais, “falan do papel da música popular no edificio construtivo que proxecta Murguía”, xa que transcribiu melodías baixo a concepción de que o folclore forma parte da historia.

Para Axeitos, Murguía “apagouse como referente da cultura galega no 1933 con ocasión do centenario do seu nacemento”. Daquela publicáronse artigos e estudos sobre a súa obra e vida, pero dende ese momento a bibliografía sobre el foi reducíndose. Este proceso produciuse ademais en paralelo ao engrandecemento da figura da súa muller, Rosalía de Castro, o que fai que Axeitos comparta a tese de que “Galicia alcanzou antes unha literatura nacional que un nacionalismo literario”. Na súa opinión, Rosalía “axigantouse cunha obra fundacional e ineludible”, pero a de Murguía quedou “relegada”, polo que considera que coa celebración do seu centenario debe facerse un recoñecemento oficial da súa aportación á cultura galega.

Gabanza académica

As xornadas organizadas este mes en diferentes puntos de Galicia son insuficientes para deixar patente a importancia da figura do autor de Los precursores, polo que reclama a implicación das institucións con máis recursos para que a súa exaltación “non se quede nunha gabanza académica”.

A opción idónea, segundo Axeitos, sería a organización dun congreso internacional no que se valorara a obra de Murguía por parte de expertos de diferentes países. Lembra que foi correspondente dun xornal de Nova York ao que enviaba crónicas sobre a situación política de Europa e que esta actividade serviulle para facer a historia de Galicia, aspecto que considera que debe avaliarse. Tamén cre necesario organizar actos de carácter social sobre este autor para divulgar o seu labor, como a publicación regular de artigos xornalísticos arredor da súa obra.

Suscríbete para seguir leyendo